Laura Camino achéganos este xoves en Santiago ás novas correntes da mercadotecnia dixital

mércores, 12 de novembro do 2014 Fernando Sarasketa

Este xoves 13 de novembro temos unha cita cos novos xeitos de promoción empresarial e profesional. Ou sexa, con todo aquilo que cremos saber sobre os métodos innovadores de mercadotecnia pero que precisamos actualizar cada pouco, porque na economía dixital todo cambia e case nin nos decatamos. Para axudarnos neste labor de actualización, vén a a Santiago a experta en estratexias de marketing en liña Laura Camino. A cita será no Hotel Quinta da Auga, a partires das 16.00 horas. Camino xa anunciou que tentará dar resposta ás principais necesidades dos emprendedores á hora de trazar as súas follas de ruta en materia de promoción dos seus proxectos nos vieiros tecnolóxicos.
Canda a relatora, participarán tamén o director comercial das Adegas Martín Códax, Pablo Buján, e Raquel Doallo, de Cestola na Cachola; que achegarán aos asistentes as estratexias que levaron ás súas cooperativas ao éxito. A xornada está organizada por O Tendal baixo o seguinte epígrafe: Sabes como trazar a túa estratexia de marketing?
Segundo lembra os promotores do evento, Laura Camino é unha blogueira de referencia que traballa arestora como responsábel de estratexias en medios sociais para ZyncSocial, axencia de Barcelona centrada, precisamente, na promoción en liña. A relatora falará na cita de Santiago da súa experiencia persoal e das razóns polas que unha empresa, proxecto ou iniciativa debe ter presenza dixital e como debe facelo. Tamén detallará como desenvolver un plan previo ao establecemento desta presenza en liña, un plan que detalle obxectivos, liñas estratéxicas, recursos e prazos. Asemade, afondará nas ferramentas de mercadotecnia en liña que considera máis eficaces e rendíbeis, “e de cada unha delas extraerá algunhas chaves e trucos prácticos aprendidos da súa propia experiencia”, informa a organización do evento.
Amais de Camino, falará como dixemos Pablo Buján, director comercial das Adegas Martín Códax, que avaliará en detalle as estratexias que tiveron como resultado o éxito desta cooperativa galega que, desde a súa constitución en abril de 1985, “experimentou un medre baseado na selección de novas parcelas de produción de socios, plantación de viñedos propios e contratos a longo prazo, até acadar un total de 430 hectáreas de viñedo de Albariño da mellor calidade, o que hai poucos anos era unha cifra impensábel nesta minifundista Denominación de Orixe”, explícase dende a organización da xuntanza en Compostela.
A maiores, intervirá Raquel Doallo, unha das socias cooperativistas responsábeis da posta en marcha de Cestola Na Cachola, unha iniciativa galega na Rede en pleno proceso de espallamento que se adica, entre outras cousas, á comercialización de produtos e experiencias en relación coa pintura, a ilustración, os murais ou a moda ética, e todo facendo gala dunha firme militancia na economía social e solidaria, amais de no consumo responsábel e no ecoloxismo.
Lembrar por último que O Tendal é un servizo integral de mercadotecnia no que cinco cooperativas unen a súa experiencia para planificar o lanzamento de empresas ou profesionais que están empezando e tamén dos que queren empezar de novo. Os seus servizos van desde un estudo de mercado á construción e deseño dunha marca, dunha web, dun plan de marketing e comunicación ou a prospección previa a unha expansión internacional.

PUBLICIDADE