Lanzada unha aplicación galega para axudarnos a acadar un posto de traballo: Appladin

venres, 28 de novembro do 2014 Fernando Sarasketa

Estes días soubemos da posta en marcha dun novo servizo galego encamiñado a botarlles unha man aos internautas que estean á procura dun posto de traballo. Trátase da aplicación Appladin e segundo nos conta Alberto Rodríguez, un dos seus responsábeis directos, exemplifica á perfección un xeito de facer innovación empresarial (cos conseguintes e lóxicos beneficios) ao tempo que se fornece un recurso de claro interese social. En definitiva, estamos ante unha ferramenta filla do seu tempo, do tempo da crise e dos cinco millóns de cidadáns nas fileiras do paro, que quere responder polo miúdo ao problema do desemprego. “O obxectivo é dobre”, sinala Alberto, “e pasa por contribuír a que nos afagamos aos novos xeitos de atopar traballo, xa que as formas mudaron claramente, e tamén pasa por converter a tarefa de buscar un posto laboral en algo que se poida facer en calquera intre e lugar”.
Ou sexa, que unha das grandes vantaxes/particularidades de Applandin.net é que pon a disposición dos internautas demandantes un servizo profesional dispoñíbel ao momento, inmediato e básico. “Con esta ferramenta”, aclaran os seus desenvolvedores, “adaptamos as novas tecnoloxías ás necesidades actuais máis importantes dos cidadáns”.
Appladin, en palabras dos seus creadores “a primeira aplicación de emprego do sector servizos”, achégase con descarga e rexistro de balde. Unha das súas principais características, a maiores do devandito, é a marxe de manobra que pon a disposición do usuario. Así, con esta aplicación é o propio demandante ou ofertante quen ten o control da xestión do servizo ou os servizos. Ademais, pon en contacto directamente a ofertante e demandante, “adaptando así ao mellor profesional para cada servizo ou traballo”.
O seu funcionamento, sinala Alberto, “é rápido e sinxelo”. Pódese descargar en calquera teléfono móbil desde Apple Store ou Google Play. Dispón de valoración e opción denuncia para mellorar a calidade do servizo así como para premiar aos máis salientábeis profesionais de cada área. Desta maneira, un usuario poderá ter referencias de calquera profesional antes de contratar o seu servizo.
“Grazas a esta aplicación”, explican os creadores da mesma, “quérese contribuír á inserción laboral de maneira directa, sendo unha verdadeira lanzadeira de emprego para atoparmos traballo amais dunha segunda fonte de ingresos”.
Arestora, Appladin xa foi quen de xuntar a máis de 20.000 usuarios ofrecendo os seus servizos en todo o territorio estatal. A ferramenta, que foi lanzada hai un mes, ten ademais vocación de traspasar fronteiras. De feito, os seus desenvolvedores informan que xa están a traballar “no seu afianzamento a nivel internacional”.

PUBLICIDADE