José Luis Barreiro, Accegal e LIFE+ Viñas Atlánticas, entre os recoñecidos na vindeira Noite das Telecomunicacións

xoves, 18 de outubro do 2012 Fernando Sarasketa

Enrique Costa, Jonathan Juncal e Fátima García, responsábeis de Accegal

No marco da Noite Galega das Telecomunicacións que organizan o Colexio Oficial e a Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia (COETG-AETG) haberá, como avanzamos dende Código Cero, unha serie de importantes recoñecementos aos nosos profesionais, sobre todo por ter destacado no pulo á modernización tecnolóxica da nosa terra. Un dos recoñecementos da Noite, que se celebra o vindeiro día 26 de outubro na Toxa co eixe temático das cidades dixitais, irá dar a mans de José Luis Barreiro Conde, profesional TIC e antigo directivo do Grupo Televés, que a AETG-COETG nomeará Enxeñeiro do Ano. No transcurso da gala, que contará coa presenza da directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, Mar Pereira, tamén se lle concederá á aplicación móbil Pictodroid Lite, da empresa viguesa Accegal, o Premio ao Mellor Proxecto TIC con Beneficios Sociais.
Pola súa parte, o Premio Enxeñeiro Gerardo García Campos á Mellor Iniciativa Empresarial no sector TIC 2012 recaerá na empresa Vmodal Interactive pola súa solución tecnolóxica Intellixente. La Voz de tu cliente.
O Premio Gradiant á Mellor Tese Doutoral aplicada ao sector TIC irá dar a mans de Guillermo López Taboada pola súa tese Design of Efficient JAVA Communications for High Performance Computing.
José Luis Barreiro Conde
Volvendo a José Luis Barreiro Conde, sinalar que con esta distinción, a AETG-COETG quere recoñecer o seu destacado labor profesional como enxeñeiro de Telecomunicación, quen desde o punto de vista colexial participou activamente na fundación da AETG e desde o punto de vista profesional foi o responsable de impulsar o moderno modelo produtivo de Televés e máis da implantación da loxística do Grupo.
O COETG e a AETG valoraron como razóns determinantes do outorgamento do Enxeñeiro do Ano a José Luis Barreiro Conde “a súa dedicación total e versatilidade como enxeñeiro, a contribución á modernización do Grupo Televés, ao que lle dedicou máis de trinta anos, e a súa capacidade para estender a súa actividade a outros eidos con notable éxito”.
Pictodroid Lite de Accegal
O Premio ao Mellor Proxecto TIC con Beneficios Sociais, outorgando pola AETG e impulsado pola AMTEGA recaeu como dixemos na aplicación móbil Pictodroid Lite de Accegal, ferramenta da que temos falado en detalle en Código Cero, mesmo con motivo da súa presentación. Segundo informa a asociación galega de enxeñeiros, estamos ante un proxecto de colaboración entre o Centro de Educación Especial Manuel López Navalón (centro público da Consellería de Educación) e o Grupo de Tecnoloxías da Información (GTI) da Escola de Enxeñería de Telecomunicación da Universidade de Vigo para a creación de solucións de accesibilidade para as persoas con diversidades funcionais e/ou motrices baseadas en dispositivos móbiles. Trátase, engade a AETG, dun sistema alternativo e aumentativo de comunicación destinado aos devanditos colectivos (persoas con problemas severos de comunicación, afectadas por parálise cerebral, nenos autistas) que se fornece como aplicación para trebellos Android e que permite aos usuarios comunicarse a través do uso de pictogramas (signos que representan de xeito esquemático un símbolo, obxecto real ou figura), versión en modo acumulativo que permite crear oracións simples”. As oracións, de feito, créanse escolmando os pictogramas que pertencen a diferentes categorías (suxeito, verbos, predicados, outros, ...). Unha ver realizada a oración, o sistema procederá á lectura da frase formada.
O Premio INEO, para a Deputación de Pontevedra
No tocante ao Premio INEO ao Produto ou Servizo TIC máis innovador do 2012, o galardón recae no Proxecto LIFE+ Viñas Atlánticas da Deputación de Pontevedra, quen lidera o proxecto en colaboración coas adegas Martín Códax, Condes de Albarei e Paco&Lola. Este premio, destinado a recoñecer as aplicacións das novas tecnoloxías aos sistemas de operatividade empresarial e industrial, foi dar á iniciativa LIFE+ Viñas Atlánticas polo seu importante potencial na mellora dunha actividade de longa tradición na nosa terra como a da viticultura. Estamos ante un proxecto que xorde co obxectivo de desenvolver un Sistema de Xestión Ambiental sostible e produtivo para as adegas, e todo mediante a protección da biodiversidade, a redución de emisións de carbono e a explotación sostíbel. O proxecto da Deputación de Pontevedra, do que tamén falamos en Código Cero, foi cualificado na súa presentación en sociedade como a primeira iniciativa de viticultura intelixente de toda España,“xa que se cingue os métodos de traballo tradicional no sector do viño coas novas tecnoloxías, aproveitando os datos que se producen decote durante a campaña vitícola e xerando así información nova que permite mellorar a xestión e a sustentabilidade económica e ambiental das adegas e viticultores integrados no proxecto, facéndoos máis competitivos”. De feito, conséguese aumentar a calidade da produción e da contorna natural, grazas á participación de tódolos explotadores.
Pulo ao proxecto Intellixente
No que atinxe ao Premio Enxeñeiro Gerardo García Campos á Mellor Iniciativa Empresarial no sector TIC, lembrar que recoñecerá o labor da empresa Vmodal polo proxecto Intellixente. Este galardón, patrocinado pola Fundación do mesmo nome e dotado con 6.000 euros, quere distinguir este ano o valor da solución achegada por Vmodal, unha tecnoloxía que, como sinalamos este mes de outubro, diríxese a facilitar ás empresas a comunicación total cos seus clientes, tirando partido das redes sociais. Segundo explica a AETG, estamos ante “unha solución segura e fiable que en 5 pasos permite entender o cliente e utilizar a súa voz como material de aprendizaxe organizativa para a mellora de procesos”.
Distinción a Guillermo López Taboada
Finalmente valoráronse como razóns determinantes para a concesión do Premio Gradiant á Mellor Tese Doutoral aplicada ao sector TIC, que lle correspondeu a Guillermo López Taboada pola súa tese Design of Efficient JAVA Communications for High Performance Computing, a innovación e potencial do proxecto así como o esforzo realizado na comercialización e obtención das licenzas correspondentes.

PUBLICIDADE