Presentada unha aplicación galega que mellora a comunicación de persoas con diversidades funcionais e cognitivas
xoves, 15 de decembro do 2011
A creatividade galega
aplicada nas novas tecnoloxías seguen a darnos boas novas no que se refire a
accesibilidade e loita incesante contra as barreiras de toda índole. Un exemplo
recente disto é a aplicación PictoDroid Lite, ferramenta da que xa falamos en Código
Cero con motivo da súa concorrencia na edición
compostelá do certame Appcircus, onde se destacou moito o seu valor social,
e que se dirixe a mellorar, por medio de pictogramas, a comunicación das
persoas con diversidades funcionais e cognitivas. Esta ferramenta vén da man do Grupo de
Tecnoloxías da Información (GTI) do Campus de Vigo e o Centro de Educación
Especial Manuel López Navalón de Santiago, xurdida ao abeiro do seu proxecto
común Accegal.
- Enrique Costa, Jonathan Juncal e Fátima García
Segundo informa a Universidade
de Vigo, trátase dun exemplo do moito partido que se lle pode tirar á
colaboración entre equipos de profesionais de diferentes disciplinas, neste
caso enxeñeiros de Telecomunicacións e pedagogos. Como dixemos, froito deste
traballo en común foi Accegal, unha iniciativa para o labor colaborativo á
procura de recursos de accesibilidade baseados en dispositivos móbiles. De aí
abrolla directamente o devandito PictoDroid Lite, un solución ao servizo das
persoas con parálise cerebral, autismo ou outras diversidades funcionais,
compartindo a mesma base de obxectivos que o conxunto das aplicacións xurdidas
do proxecto Accegal (tres novas en total). Á fronte
disto están Enrique Costa Montenegro, profesor do grupo GTI e Fátima García
Doval, pedagoga e directora do centro educativo compostelán.
PictoDroid Lite, engádese dende a Universidade
de Vigo, é un recurso para dispositivos Android que permite aos usuarios
comunicarse a través do uso de pictogramas, signos que representan
esquematicamente un símbolo, obxecto real ou figura. Esta versión Lite só permite
expresar accións moi concretas, sen a opción de dar forma a oracións máis
complexas. Por exemplo, permite crear frases con suxeitos como "imos
a…" ; "quero xogar…" ; "quero ir ao baño"; "quero
beber…" ; "quero comer ...", etc. Ao completar a escolma de
pictos, o sistema procederá á lectura da frase formada. “Outra vantaxe é que todos os pictos poden ser modificados ou eliminados
e é posible engadir tantos como sexa necesario”, infórmanos a Universidade.
PictoDroid Lite está dispoñible no Android
Market e pode descargarse
directamente da páxina de Accegal, na que está tamén o manual de usuario.
Ademais, a web ofrece vídeos titoriais tanto sobre o uso como sobre a
instalación e os creadores están á disposición dos usuarios que precisen a súa
axuda para adaptalo a necesidades e condicións concretas, así como para
actualizado segundo as demandas. A aplicación emprega os pictos de ARASAAC, creados por Sergio Palao e distribuídos
con licenza Creative Commons, aínda que é posible configurala para utilizar
outros pictos e incluso imaxes reais.
Con esta ferramenta, informan os seus
responsábeis, tamén se quixo facer fronte común contra un dos grandes males da
Sociedade da Información actual: a boa cantidade de atrancos que pon no camiño
das persoas con diversidades funcionais para acceder a todo tipo de servizos e
contidos e, por outra banda, o desorbitado dos prezos das aplicacións dispoñíbeis
no mercado e precisas arestora para que determinadas persoas poidan tirar
partido dos recursos informáticos e tecnolóxicos.