JVC renova a súa resistente e versátil cámara deportiva

mércores, 10 de xullo do 2013 Marcus Fernández

A atractiva cámara deportiva de JVC vén de renovarse, e a nova JVC GC-XA2 ADIXXION ofrece toda unha serie de melloras que supoñen unha mellor calidade de imaxe e unha maior versatilidade, mantendo a principal bondade desta cámara: o poder funcionar sen precisar dunha carcasa protectora adicional.
Como a JVC ADIXXION orixinal, a nova cámara soporta auga, po e neve, incorpora tanto unha pantalla LCD como conectividade Wi-Fi e o seu sensor mellora para permitir gravar vídeo Full HD a 60/50 imaxes por segundo en modo progresivo, contando tamén cun modo a 720p capaz de rexistrar 120/100 cadros por segundo (ideal para xerar secuencias a cámara lenta. O novo modelo tamén inclúe unha óptica que recolle máis luz e cota cun angular máis amplo e mellora o sistema de estabilización de imaxe.
Sobre a súa conectividade sen fíos, pode empregarse para emitir o vídeo en directo a un smartphone, para emitir en directo a través de USTREAM, para realizar cargas a YouTube e para transferir imaxes. Tamén inclúe un novo modo de visualización que permite que dende a pantalla do noso smartphone poidamos ver a imaxe de ata 4 cámaras ADIXXION simultaneamente.
A esta cámara de 135 gramos de peso non lle faltan prestacións como a gravación de time-lapse, o disparo de fotografías durante a gravación de vídeo ou a posibilidade de disparar fotografías a refoladas. Sairá á venda a finais do presente mes a un prezo de 299,95 dólares (234,07 euros).

A resistencia da JVC ADIXXION permítelle incluso o seu uso na neve

PUBLICIDADE