JVC anuncia unha cámara deportiva con pantalla e Wi-Fi

venres, 29 de xuño do 2012 Marcus Fernández

JVC súmase á moda das videocámaras deportivas e anuncia a JVC GC-XA1 ADIXXION, que non só é dun tamaño compacto, pesa pouco (126 gramos) e resiste auga, neve, po e golpes, senón que tamén conta cunha pantalla LCD de 1,5 polgadas e integra Wi-Fi, detalles que poden permitirlle competir con outras cámaras populares como as GoPro. A cámara conta coa imprescindible tecnoloxía de estabilización de imaxe e permite elixir entre gravar a Full HD a 30 cadros por segundo ou tomar imaxes máis dinámicas gravando a 1.280 x 720 píxeles a 60 imaxes por segundo (ambos tipos de vídeo en progresivo). Tamén pode disparar fotografías de 5 Mpíxeles.
Esta cámara evita así a necesidade de metela nunha carcasa para gravar en condicións ambientais duras, e grazas á súa conectividade Wi-Fi permite funcionalidades como a monitorización das gravacións dende o móbil (o que resulta moi práctico cando colocamos a cámara nun casco, onde resulta imposible ver a súa pantalla LCD para o usuario) e incluso facilitaría a copia das súas gravacións a un PC ou a retransmisión de vídeo en directo a través da Rede aproveitando un ordenador ou incluso un dispositivos con Android ou iOS coa aplicación de USTREAM.
A JVC GC-XA1 ADIXXION inclúe accesorios de montaxe para poder conectar a cámara a un casco ou a unhas lentes, un par de protectores para a lente da cámara, 1 cable USB e unha batería, estando dispoñible dende finais do verán nos EE.UU. a un prezo de 349,95 dólares (276,23 euros).

A nova cámara é ideal para gravar deportes en condicións extremas


A JVC GC-XA1 ADIXXION en acción

PUBLICIDADE