Inaugurada en Santiago a mostra interactiva sobre o legado de Celso Emilio Ferreiro
luns, 26 de marzo do 2012
Estamos a vivir, para quen non o saiba, o ano
conmemorativo de Celso Emilio Ferreiro, un dos máis importantes poetas da nosa
terra e cuxo legado artístico, comprometido e solidario, lonxe de perder
vixencia gaña con cada día en actualidade e riqueza. De feito, este 2012 cúmprense
os cen anos do seu nacemento e esta circunstancia estase a reflectir en múltiples
escenarios da nosa vida cultural, tanto a nivel físico como, tamén, no plano
dixital. Comezamos esta semana, sen ir máis lonxe, coa inauguración
oficial do Punto de Información Multimedia
Celso Emilio Ferreiro na Biblioteca Nodal de Santiago de Compostela.
Trátase dunha exposición a cabalo entre dous mundos (o físico, o palpable, e máis
o dos tempos 2.0 que máis que aveciñarse, xa están acó).
A exposición, informa a iniciativa Ouvirmos (responsable da súa
feitura), ficará en Compostela dúas semanas, mesturando contidos virtuais con
obxectos persoais do escritor celanovés.
O Punto
multimedia consta dunha pantalla de 46 polgadas cun interactivo dinámico
baseado no concepto de liña de tempo, que permite coñecer e
navegar polo universo literario e persoal do poeta a través de diferentes
apartados referidos á súa traxectoria vital, obra, fotografías ou ao son da súa
voz.
Xunto a esta pantalla interactiva, hai
instalada unha Mesa de luz na que se
amosan obxectos persoais de Celso Emilio Ferreiro como os seus lentes, as súas
cartas ou a súa máquina de escribir.
O Punto
multimedia, engádese dende Ouvirmos, achegará a figura do poeta celanovés á
cidadanía, itinerando durante todo o 2012 -ano en que se conmemora o seu
centenario- polas bibliotecas nodais e centros de ensino de Galicia.
A exposición vén da man da Fundación Celso
Emilio Ferreiro e das secretarías xerais de Cultura e Política Lingüística.
Segundo informaron no seu día, trátase de por ao alcance de tódalas galegas e
galegos unha biografía multimedia a través da obra, as imaxes, os sons e os
obxectos propios do escritor, amais da súa voz.
A instalación multimedia foi inaugurada este
luns polo conselleiro de Cultura, Xesús Vázquez Abad; polos secretarios xerais
de Cultura e de Política Lingüística, Anxo Lorenzo e Valentín García,
respectivamente; o presidente da Fundación Celso Emilio Ferreiro e fillo do
escritor, Luís Ferreiro, que estiveron acompañados pola directora do centro
bibliotecario, Carina Fernández.
Un
percorrido por bibliotecas e centros de ensino
A mostra estará na biblioteca Ánxel Casal ata
o 13 de abril e continuará o seu percorrido polo resto de bibliotecas nodais,
pasando polas de Pontevedra, A Coruña, Ourense, Lugo e, finalmente, Vigo. Xa no
mes de outubro, a exposición multimedia chegará aos centros educativos para
achegarlles aos estudantes de secundaria a obra e a figura do poeta de Celanova.
Acollerán a mostra o IES Francisco Daviña Rei (Monforte), o IES de Foz (Foz), o
CIFP Rodolfo Ucha Piñeiro (Ferrol), o IES Maruxa Mallo (Ordes), o IES Illa de
Tambo (Marín), o IES Aquis Celenis (Caldas de Reis), o IES Xesús Taboada Chivite
(Verín), o IES Lauro Olmo (O Barco de Valdeorras) e, finalmente, o IES de
Celanova (Celanova).
