Proseguen as celebracións arredor de Celso Emilio Ferreiro cunha nova web e cunha mostra interactiva

luns, 20 de febreiro do 2012 Fernando Sarasketa

Hai escritores que pola dimensión da súa vida e a súa obra, vixente malia o que veña, teñen unha especial relación coa información de hoxe e o seu novo contexto por excelencia: o contexto dixital. É o caso de autores como Celso Emilio Ferreiro, que, tal e como sinalamos dende Código Cero, tense diversificado en múltiples ríos a través da Rede: nun certame de fotografía cos móbiles, nunha fotobiografía sonora da man de Ouvirmos, ou a través de eventos musicais en liña como Cantalingua. Pois ben, este luns amencimos con novidades dixitais arredor do lendario escritor de Celanova. Para comezar, a web celsoemilioferreiro.org, espazo de difusión que se presentou a semana pasada en Santiago e que se insire nas accións que celebran o centenario do poeta.
A páxina en cuestión foi desenvolvida por Ouvirmos para a fundación que leva o nome do autor de Longa Noite de Pedra e a Consellería de Cultura. Trátase dun sitio en tres linguas (galego, castelán e inglés) proxectado e posto en marcha para “axudar a difundir a figura deste grande poeta dentro e fóra de Galicia”, sinala Ouvirmos. A páxina é en toda regra unha fonte de información sobre o autor galego, pero tamén sobre o coñecemento que se xera a raíz del e sobre o amplo calendario de celebracións que xiraran arredor de Celso Emilio co gallo do centenario do seu nacemento. O sitio web, engade Ouvirmos, fai un rigoroso e pormenorizado percorrido pola vida e obra de Celso Emilio, todo artellado arredor das diferentes etapas vitais que pasou en Celanova, Asturias, Pontevedra, Vigo, Caracas e Madrid.
Na web pódese coñecer tamén a súa creación literaria. No apartado bibliográfico está recollida a súa obra desde os primeiros poemas de Cartafol de Poesía até o póstumo O libro dos homenaxes, así como unha listaxe de bibliografía sobre Celso Emilio Ferreiro.
Outro apartado innovador, engade Ouvirmos, é o Arquivo, onde se recollen fotografías e arquivos sonoros que nos aproximan máis á figura do poeta. “Entre as fotos do álbum familiar”, explícase, “podemos ver imaxes dos seus primeiros anos en Celanova, do seu noivado con Moraima, dos seus anos en Pontevedra e Vigo, da súa amizade cos intelectuais da época, da emigración en Venezuela, e dos últimos anos en Madrid”. Amais do devandito achégase unha Fonoteca que dá acubillo a unha escolma de arquivos sonoros nos que se pode escoitar a voz do propio autor recitando ou o son da súa máquina de escribir, amais de interpretacións musicais da súa obra.
Mostra multimedia
De xeito paralelo ao desenvolvemento da páxina web e outras iniciativas de celebración, anúnciase a posta en marcha dunha mostra multimedia sobre Celso Emilio que vai ter carácter itinerante, durante 2012, e que abranguerá unha boa parte da nosa xeografía. A exposición, que entre outras cousas incluirá contidos visuais e máis obxectos físicos que pertenceron ao autor, vén da man da Fundación Celso Emilio Ferreiro e das secretarías xerais de Cultura e Política Lingüística. Segundo informan, trátase de por ao alcance de tódalas galegas e galegos unha biografía multimedia a través da obra, as imaxes, os sons e os obxectos propios do escritor, amais da súa voz, estruturándose todo arredor dunha pantalla de acceso táctil a aplicacións interactivas e dunha mesa de luz con obxectos persoais do poeta.

PUBLICIDADE