Galiciencia 2011 xuntará en Ourense á nosa comunidade investigadora de nova xeración
mércores, 2 de novembro do 2011

- Os participantes na edición 2009 de Galiciaciencia
Comezamos novembro con ciencia. De feito,
semella que haberá actividades de divulgación científica para todas e todos,
esteamos onde esteamos, e que en troques de Semana da Ciencia, unha celebración
europea que se celebra na nosa terra dende hai anos nestas mesmas datas, conviría
ir falando máis ben dun “mes da ciencia”, tan amplo vai ser o calendario de
eventos. Con todo, haberá xornadas que na nosa axenda deberían figurar ben
subliñadas, como por exemplo os días 23, 24 e 25 de novembro, que son as datas
elixidas para Galiciencia, evento que o ano pasado bateu
records de participación e que con 2011 preséntase con novos azos para
lograr que nos nosos centros escolares abrollen o meirande número de ideas e
proxectos, presentes e futuros. Galiciencia, unha vez máis, vén da man da Tecnópole, o
Parque Tecnolóxico de Galicia, en Ourense. Este ano terán un papel especial
cuestións temáticas como a preservación nos nosos bosques ou os segredos da química.
O evento, que se dirixe a estudantes e
profesores, é unha das feiras científicas máis importantes de todo o Estado
español, un fervedoiro de propostas de investigación que se enriquecen unhas e
outras, por proximidade e fluxo de coñecemento (cada unha cun stand), e unha mostra ben clara do
potencial que hai na nosa terra en materia de innovación e outros asuntos. A
nova edición da feira, aberta a estudantes de tódalas ramas e vocacións (non
importa se de ciencias ou de letras), xa está descrita polo miúdo, en tódolos
seus detalles, na web da Tecnópole, onde poderemos ter acceso ás bases do
certame (en pdf). Nel participan estudantes de Secundaria e de
Formación Profesional de toda a nosa Comunidade e de outros puntos de España,
sendo o seu obxectivo principal, dende cadanseu stand, dar conta dos seus novos produtos para o mercado e diversas áreas
de coñecemento.
Como aconteceu en anteriores edicións, a feira
desenvolverase sobre o alicerce dunhas bases temáticas ben específicas, bases que
soen coincidir con celebracións en curso a nivel internacional. Este ano, os
eixes serán o Ano Internacional da Química e máis o Ano dos Bosques, polo que
unha boa parte das actividades programadas xirarán arredor de cuestións como a
defensa dos nosos espazos naturais ou a investigación sobre diversos fenómenos
químicos que nos axuden a coñecer mellor o mundo que nos rodea.
Inclúense polo tanto os obradoiros que citamos
a continuación, a engadir a outros dos que iremos dando conta os días
vindeiros.
Obradoiro Os Bosques
Este obradoiro divídese en dúas partes, unha
de carácter práctico e outra teórica. Coñeceranse de forma amena as principais
características dos bosques galegos e a súa evolución ao longo da historia,
prestando especial atención ao bosque autóctono e a súa estrutura a nivel de
ecosistema. Posteriormente estudaranse os incendios forestais e os seus efectos
sobre o noso ámbito, realizando algunha pequena experiencia na que se farán
comparacións entre as características de chans de bosque queimados e dun
ecosistema san.
Na parte práctica, coñecerase de primeira man
como traballan os equipos de extinción de incendios forestais e as técnicas que
utilizan co fin de preservar un ben tan prezado como os bosques, para o que se
contará coa colaboración especial dunha das empresas de Tecnópole, Salvacon,
especializada neste tipo de tarefas.
Duración: 60 minutos por grupo.
Público: Alumnos de Secundaria/FP.
Obradoiro
Química
O obradoiro recolle un conxunto de
experiencias relacionadas coa química. Realízanse segundo informa a Tecnópole
unha serie de “trucos de maxia, que, en
realidade, ocultan fascinantes fenómenos químicos”. Mediante esta e outras
accións, iranse coñecendo aspectos relevantes da química. Tras cada
experiencia, explicaranse aos asistentes as razóns científicas do fenómeno
observado (as explicacións adáptanse aos niveis dos grupos).
Algunhas das experiencias que se levarán a
cabo:
· Apagar candeas con fluídos invisibles.
· Quentar con lume globos e que non exploten.
· Crear unha lanterna cun lapis.
· Sangue e auga osixenada son un explosivo?
· Reaccións oscilantes ou cando as cousas
cambian de cor cando queren.
· Maxia química, ou como ao encher un vaso de
auga e xiralo esta non cae.
· Conxelar auga coa mente... e a química.
Duración: 50 minutos
Público: Alumnos de Secundaria/FP.
