En marcha a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia

venres, 9 de marzo do 2012 Fernando Sarasketa

A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, destinada entre outras cousas a unificar e rendibilizar esforzos en materia de política tecnolóxica da Xunta, entrou este venres 9 de marzo en funcionamento. E fíxoo cun orzamento de partida de 58 millóns de euros, que representa a metade do orzamento TIC da Administración autonómica, xa que integra, neste primeiro chanzo, o presuposto tecnolóxico-dixital da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza e das cinco Secretarías Xerais da Presidencia. A posta en marcha da AMTEGA, na que comeza a traballar xa o persoal TIC dos devanditos departamentos, foi anunciada ante os medios de comunicación por Mar Pereira, secretaria xeral de Modernización, quen será nomeada en breve directora da Axencia, no vindeiro Consello da Xunta. Ao seu xuízo, as vantaxes e beneficios da AMTEGA serán moitos e variados pero, para comezar, cómpre que nos quedemos cos seguintes: "Significará aforro, un traballo máis eficaz e rendíbel na administración e máis dinamización produtiva do país co sector económico das novas tecnoloxías á fronte".
Para ir creando país tecnolóxico, sinalou a titular de Modernización, entra en marcha, ao abeiro da Axencia, un plan de acción que abrangue 17 proxectos TIC, algúns operativos (como Abalar, Senda ou o Plan de Banda Larga) e outros pendentes de chegar.
En termos xerais e para comprender o alcance da iniciativa no seu conxunto, dicir que a chegada de AMTEGA significará que todo o que nos compete como usuarios de novas tecnoloxías da información en relación directa coa Xunta, como internautas e como cidadáns en comunicación coas administracións, estará baixo un mesmo acubillo. Isto terá repercusións claras a nivel da cidadanía pero tamén terá a súa influencia visíbel a nivel da Administración autonómica. A unificación nunha mesma dirección de todos estes recursos materiais e orzamentarios implicados nas políticas tecnolóxico-dixitais do Goberno galego, dirixidas a “prestar mellores servizos e evitando duplicidades de tipo administrativo”, levará da man unha integración e simplificación de infraestruturas. Isto, pola contra e segundo afirmou a titular de Modernización, non implicará a redución do persoal, senón das propias infraestruturas.
Unha das consecuencias directas disto, dixo, é o aforro de custes. “A creación da Axencia”, sinalou, “permitirá suprimir polo menos 15 departamentos administrativos con competencias duplicadas e acadar aforro de espazo do 40% e de custes do 20%, é dicir, 20 millóns de euros anuais”. A maiores, subliñou Mar Pereira, a Axencia fará posíbel unha diminución de entre o 25 e o 30% dos custes de adquisición de sistemas e equipamentos tecnolóxicos en tres anos, o gasto de persoal nun 23% nesta lexislatura e un 50% dos orzamentos na coordinación de proxectos en 2014.
Por certo que a Axencia coincide no mesmo ano coa posta en marcha do Centro de Proceso de Datos Integral da Cidade da Cultura, que forma parte da propia Axencia e cuxa activación esta fixada para o verán. A entrada en funcionamento deste CPD, ao abeiro da Axencia, tamén permitiría unha baixada do gasto tecnolóxico, dixo Mar Pereira, “que suporía un 30% do gasto TIC da Administración autonómica”. O que se aforre, engadiu, posibilitará un meirande investimento en proxectos innovadores no sector público galego.
Quen estará baixo o acubillo da Axencia?
Segundo fixo saber Mar Pereira na súa comparecencia cos medios na Biblioteca de Galicia, na Cidade da Cultura, a Axencia integrará nunha primeira fase á Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza. Amais, tamén dará acubillo ás cinco Secretarías Xerais da dita Consellería. A incorporación destes departamentos supón a integración nun mesmo escenario de traballo do 16% do persoal TIC da Xunta. Con todo, haberá máis incorporacións, un total de seis consellerías ao longo deste ano, o que suporá, en palabras de Pereira, “o 68% do orzamento TIC da Administración e máis do 50% do persoal TIC”. E explicou: “A incorporación das áreas sanitaria e de economía complementarase a partir de 2013 integrando en total a 558 tecnólogos de toda a Administración e o 100% do orzamento tecnolóxico-dixital”.
Obxectivos de AMTEGA
Logo de facer fincapé no potencial da iniciativa a prol da eficacia do traballo e da redución de custes no propio seo da Administración, Mar Pereira enumerou algúns dos principais obxectivos da Axencia con respecto aos cidadáns. É dicir: en que medida nos vai beneficiar esta nova liña de actividade integradora?
· Na achega de Internet de alta velocidade a toda Galicia, contemplada no Plan de Banda Larga, tamén incorporado á Axencia. Cómpre lembrar que o Plan ten pendente o seu último treito de traballo, que consiste en levar a Rede a onde non é posíbel facelo con cobertura convencional, sendo preciso botar man do satélite. Esta última fase do Plan (a sexta dun total de seis) abordarase este ano en curso, fornecendo de cobertura ao 6% da nosa poboación que, por vivir en emprazamentos afastados ou de difícil orografía, non pode contar con outra tecnoloxía.
· Coa aprobación da Lei de impulso e ordenación das infraestruturas e telecomunicacións de Galicia. A norma, lembremos, ten como obxectivo “axilizar e facilitar o despregamento ordenado de infraestruturas de telecomunicacións en todo o territorio dun xeito homoxéneo, harmónico e respectuoso co ambiente, a paisaxe e o patrimonio cultural”.
· Coa posta en marcha da Rede Dixital de Emerxencias de Galicia. Este servizo botará a andar en 2013 e está previsto que integre a tódolos colectivos que participan na resolución das situación de emerxencias dentro do noso territorio, de maneira que se “facilite a intervención efectiva e eficaz dos efectivos implicados e se simplifiquen as tarefas de coordinación entre eles”, sinalaron no seu día os departamentos responsábeis da Rede, as Consellerías de Presidencia e Administracións Públicas, Medio Rural, a Secretaría Xeral de Modernización e a entidade pública empresarial Red.es. A Rede empregará o estándar TETRA, a tecnoloxía recomendada a nivel europeo para este tipo de comunicacións vinculadas á seguridade pública, que xa empregan en centos de redes de máis de 100 países de todo o mundo.
· Coa modernización das administracións públicas, “conseguindo a consolidación da sede electrónica e, en termos específicos, que o 95% dos procedementos teñan xa o seu alcance telemático”, sinalou Mar Pereira na súa comparecencia cos medios.
· Coa posta en marcha do Rexistro Electrónico Único, pola vía de Internet.
· Coa amplificación do Plan Senda para a dixitalización da Xustiza galega. Cómpre lembrar que neste eido houbo novidades recentes, cando se deu a coñecer a finais de febreiro a posta en marcha de 46 dispositivos de conexión 3G para fiscais galegos, “que lles permiten o acceso remoto dende calquera recuncho aos recursos dispoñibles na rede interna da Xunta, axilizando e, xa que logo, facendo máis eficiente a nosa Xustiza”, informou no seu día o Goberno galego.
· Co desenvolvemento do Proxecto Abalar para a dixitalización das aulas galegas, que ao longo deste ano prevese que chegará a 180 novos centros.
· Co acadamento do dominio .gal. Neste senso, cómpre lembrar que a Secretaría Xeral de Modernización anunciou recentemente que apoiará no plano económico, con 213.000 euros, o labor a prol da consecución do dito distintivo propio para as webs da nosa terra. Este labor de promoción da candidatura lévao a cabo a Asociación PuntoGal. O apoio en cuestión irá dirixido a cubrir a matrícula que esixe a ICANN para poder presentar a candidatura galega, aos avais para garantir a xestión do dominio durante un mínimo de tres anos e á contratación dun servizo de apoio administrativo, así como á participación da Asociación PuntoGal nas accións ligadas ao regulamento da Rede.
· Co fortalecemento do sector tecnolóxico-dixital galego con diferentes programas.
· Co pulo á Rede CeMIT, que contará con máis accións formativas, sinalou Mar Pereira, sendo o obxectivo este ano a de duplicalas con respecto ás do ano anterior. Serán un total de 3.000 para este ano.
· Co fomento do voluntariado dixital para seguir favorecendo, dende o noso potencial de compromiso solidario, a alfabetización tecnolóxica da sociedade galega. Isto canalízase a través do Programa de Voluntariado Dixital, que coordina a colaboración das galegas e galegos que de, xeito desinteresado, axuden a promover o emprego das TIC e, tamén, a amosar o seu funcionamento e as súas vantaxes. O programa, fíxose saber estes días, conta arestora cun total de 137 voluntarios e 36 entidades de acción voluntaria, que “contribuirán á incorporación das novas tecnoloxías á vida cotiá de toda a cidadanía galega, facendo especial fincapé nos colectivos de maiores e persoas con diversidades funcionais ou motrices”, informa a Secretaría Xeral de Modernización.

PUBLICIDADE