Éxito na primeira convocatoria do Programa de Voluntariado Dixital da Xunta

luns, 5 de marzo do 2012 Raquel Noya

A comezos do pasado mes de febreiro, a Xunta puxo en marcha a primeira convocatoria dun Programa de Voluntariado Dixital co que chamar á colaboración e compromiso de persoas que, desinteresadamente, axudasen a promover o uso das TIC entre a poboación galega.
Esta iniciativa, promovida pola Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica e a Consellaría de Traballo e Benestar, acadou nesta primeira fase un total de 137 voluntarios e 36 entidades de acción voluntaria, que contribuirán á incorporación das novas tecnoloxías á vida cotiá de toda a cidadanía galega, facendo especial fincapé nos colectivos de maiores e persoas con discapacidade.
Asemade, e a maiores destes voluntarios, un total de 12 organismos do país (entre colexios profesionais, asociacións de colectivos...) e 13 empresas tecnolóxicas transmitiron o seu interese en participar na iniciativa, no caso das firmas tecnolóxicas, actuando como mecenas dixitais, apoiando o programa con achegas para a formación, financiando eventos, cedendo espazos...
As actividades deste Programa permitirán estender este ano a oferta pública de alfabetización dixital a 3.500 persoas maiores e a 8 federacións de persoas con discapacidade, que representan o 92% deste colectivo en Galicia.
Porén para contribuír á incorporación das TIC no día a día destas persoas, é preciso que os voluntarios e voluntarias se formen nas tarefas de acción solidaria a desenvolver, o que será o seguinte paso a dar a través do curso Voluntariado e Novas Tecnoloxías incluído no Plan de formación do Voluntariado da Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado.
O 1º Módulo de Formación desenvolverase o vindeiro 20 de marzo no Centro de Novas Tecnoloxías de Galicia en Santiago de Compostela, no que se lle ofrecerá ás persoas voluntarias e persoal técnico das entidades colaboradoras a formación xenérica e especializada no ámbito de voluntariado e TIC. As persoas interesadas en asistir deberán inscribirse enviando un correo á dirección: voluntariadodixital@xunta.es.
A unidade de coordinación VolDixital, integrada por profesionais da Secretaría Xeral de Modernización e da Dirección Xeral de Voluntariado, será a encargada de canalizar a oferta de voluntarios e a demanda que realicen as entidades voluntarias ao rexistrarse na web. Dende ela, porase en contacto ás organizacións de voluntariado e ás persoas voluntarias para a realización das iniciativas de apoio dixital.
A segunda convocatoria deste Programa terá lugar en setembro, data na que se repetirá o proceso e na que se poderán adherir novas entidades e persoas voluntarias.

PUBLICIDADE