A Deputación de Ourense expón o seu modelo de xestión turística intelixente no Congreso CitiGal
venres, 12 de xuño do 2026
A Deputación de Ourense mostra o seu modelo de xestión turística intelixente no Congreso CitiGal 2026 a través da presentación do director da área de Transparencia e Goberno Aberto, Marcos Valiño, que explicou os detalles do modelo de Destino Turístico Intelixente (DTI) da institución, así como a súa culminación ao integrarse na Plataforma Intelixente de Destino da man de SEGITUR.
Cun relatorio titulado A xestión turística a nivel provincial, Ourense como exemplo, Marcos Valiño presentou a folla de ruta que transformou á provincia de Ourense no que nas súas palabras “é un modelo de gobernanza pública e dixitalización a nivel nacional”.
Un dos puntos clave da xornada foi a defensa da escala provincial na xestión do turismo. “En territorios cunha oferta diversa e dispersa, a acción provincial ha de basearse en conectar municipios que de forma illada non terían os recursos para competir”, explicou Marcos Valiño.
Así mesmo incidiu en que a transformación de Ourense comezou en 2019 coa adhesión ao Plan Nacional de Territorios Intelixentes e o convenio entre a Deputación e Red.es. “Desde entón”, dixo, “o destino superou con éxito varias fases ata chegar á integración na Plataforma Intelixente de Destinos a día de hoxe”.
Tamén fixo referencia a que a tecnoloxía debe estar ao servizo da identidade, destacando que a provincia de Ourense vinculou a súa estratexia dixital ao seu principal baluarte: o turismo termal.
Finalmente, o director da área de Transparencia e Goberno Aberto destacou o salto cualitativo que se pretende alcanzar co proxecto Ourense Preto De TI, sendo un importante salto do modelo ao integrar os recursos da provincia no nodo central da Plataforma Intelixente de Destinos. Esta integración, engadiu, “permite o paso definitivo da xestión turística tradicional a un ecosistema común de intelixencia competitiva sustentado en tres piares: o dato, os servizos e a gobernanza dixital”.
Como conclusión, Marcos Valiño expuxo o que denominou “a gran lección do caso Ourense”, onde a estratexia sempre precede á tecnoloxía. A xestión turística provincial non debe empezar cunha plataforma dixital, senón cunha visión clara de territorio construída ao longo do tempo.
