En decembro lánzase o txtr, un lector de e-books con Wi-Fi

xoves, 15 de outubro do 2009 Marcus Fernández

Os lectores de libros electrónicos non paran de chegar ao mercado, e aproveitando a celebración da Feira do Libro de Frankfurt, a empresa xermana Wizpac anunciou que o seu xa coñecido txtr chegará finalmente ao mercado o vindeiro 1 de decembro a un prezo de 319 euros, o que resulta bastante atractivo se temos en conta que falamos dun dispositivo cunha pantalla de papel electrónico de 6 polgadas cunha resolución de 600 x 800 píxeles, con 16 niveis de gris, un procesador ARM11 a 532 MHz, 64 Mb de SDRAM, 8 Gb de almacenamento nunha tarxeta microSD incluída, acelerómetro para axustar a orientación de lectura e conectividade Wi-Fi.
Este último elemento sería o detalle que realmente faría destacar ao txtr, que podería sincronizarse sen fíos cos contidos de txtr.com, para o que habería que contratar un servizo opcional que custa entre 11,99 e 14,99 euros/mes (dependendo do período de subscrición).
Os contidos tamén poden cargarse ao lector a través de USB 2.0, e é compatible co formato EPUB, polo que estamos ante un dispositivo máis aberto que o Kindle de Amazon, aínda que o terá difícil para competir no mercado nun momento nos que os prezos comezan a ser agresivos, e grandes distribuidores poderían entrar nesta guerra de produtos.

PUBLICIDADE