Edisa informa do espallamento do software Libra entre as principais empresas da nosa terra

xoves, 31 de maio do 2012 Fernando Sarasketa

Edisa, con sede principal en Vigo e centro de I+D en Ourense, vén de facer un novo reconto de logros empresariais e de desenvolvemento. Segundo apunta no seu último informe, facéndose eco dos máis recentes rankings de empresas galegas, na actualidade trece das cen primeiras compañías da nosa terra “son usuarias da plataforma Libra, un sistema informático para a xestión empresarial que dá acubillo a un conxunto de aplicacións totalmente integradas para cubrir tódolos procesos de negocio”. Esta plataforma, que vén da man de Edisa, é hoxe en día un dos seus principais activos, tanto a nivel de mercado español como alén do Atlántico.
No informe da empresa tamén se reflicte a cobertura de Edisa en ámbitos de actividade: ata 60 sectores, salientando algúns de primeira liña para a nosa economía contan a día de hoxe coa súa presenza. De entre estes sectores cómpre salientar algúns de relevancia clave para a nosa economía, como a pesca e os conxelados. “Nestes intres”, informa a compañía galega, “as principais empresas deste eido de actividade, que moven máis de 250.000 toneladas de peixe ao ano, son clientes de Edisa”. A implantación do software Libra esténdese a toda a cadea de valor sectorial, cubrindo a armadores, empresas de elaboración, distribuidoras e frigoríficos.