A galega Edisa abre filial na República Dominicana
martes, 17 de abril do 2012
En tempos de crise, que se pode facer? A xuízo
de empresas galegas como Edisa, está máis
que nunca xustificado o de apostar forte e termar firme das rendas para coller
máis impulso. Nesta liña é onde se insire a súa actual estratexia de
crecemento, que vén dar novos froitos coa apertura da súa terceira oficina en
Latinoamérica. Edisa, empresa con sedes en Vigo e Ourense especializada no
desenvolvemento de solucións informáticas para a xestión empresarial (Libra é un bo
exemplo disto) suma estas novas dependencias (abertas na República
Dominicana) ás que xa mantiña en México e máis en Colombia. A maiores disto, a
empresa galega porá en marcha, no seu centro de I+D de Ourense, a adaptación da
plataforma Libra, acubillo de ferramentas para a xestión empresarial, ás
necesidades específicas do mercado de Hispanoamérica.
Como lembraremos, Edisa, compañía galega
fundada en 1983, centra unha boa parte dos seus esforzos na mellora e
optimización, a través de diversas ferramentas, de tódolos proceso de negocio
que se levan a cabo no seo dunha entidade. Arestora conta con máis de 500
clientes pertencentes a máis de 60 sectores de actividade, que na súa meirande
parte son medianas e grandes empresas. Edisa dispón dun equipo humano de 200
profesionais. A súa facturación, no pasado exercicio, foi de 11 millóns de
euros, dos que o 20% dedicáronse a actividades de Investigación e
Desenvolvemento no seu seo, coordinadas, precisamente, dende o Centro de
Innovación da Tecnópole ourensá. Alí desenvolven o seu traballo máis de 50
profesionais, desenvolvendo novas funcións para Libra ou ben adaptando a
plataforma ás novas demandas dos mercados externos que, como o Latinoamericano,
son agora un espazo de actividade corrente para Edisa.
A compañía galega comezou a súa busca de
mercados internacionais no ano 2008, comezando a súa andaina en México para
logo desembarcar en Colombia. Este proceso, sinalan os responsables da empresa
galega, veu acompañado “dun importante
esforzo en I+D co fin de adaptar a plataforma de xestión ás necesidades destes
países e a súa contorna”.
Durante os últimos catro anos, engaden, leváronse
a cabo un total de 10 proxectos nos sectores da alimentación, extrusión de
aluminio e distribución farmacéutica e industrial, “todos eles en empresas de gran dimensión”. Para o seu afianzamento
na República Dominicana, Edisa puxo en marcha o seu primeiro proxecto de
integración de software nos Supermercados Bravo, cadea de establecementos que
lidera o sector neste país. A xuízo de Carlos Suárez, director xerente de
Edisa, “a estratexia de
internacionalización de Edisa aposta polo desenvolvemento de sedes propias e,
ao mesmo tempo, polo establecemento de alianzas con grandes partners locais,
como Dynamic Consultants, unha empresa consultora especializada en estratexia e
máis en implantación de sistemas con sede en Colombia, que opera en diferentes
países de Latinoamérica; o noso obxectivo é ir da man dos mellores para asegurar
que os nosos clientes de calquera lugar conten coa mellor solución posible para
as súas necesidades”.
