A galega Edisa pon a disposición a Politécnica de Catalunya as súas aplicacións empresariais

mércores, 30 de novembro do 2011 Fernando Sarasketa

A empresa galega Edisa, con sedes en Vigo e en Ourense (Tecnópole) e tamén nas principais cidades de España, vén de anunciar unha importante novidade relativa ao espallamento do seu radio de acción. Máis polo miúdo, trátase dun acordo coa Facultat d’’ Informàtica da Universitat Politècnica de Catalunya (FIB-UPC) para posibilitar o uso e implantación do software de xestión Libra como soporte na achega das seguintes materias: sistemas de información para os negocios e negocio electrónico (pertencentes ao curso de Grao en Enxeñaría Informática). O papel de Edisa céntrase non só en ceder as licenzas senón tamén en participar no deseño dos casos prácticos que se empregarán durante a impartición destes contidos.
Asemade, a empresa galega fornecerá ao devandito centro do soporte que os profesores encargados das devanditas materias poidan precisar.
Edisa, compañía centrada en aplicacións tecnolóxicas de xestión empresarial, informa na súa web que a través de iniciativas coma esta ponse de manifesto que a colaboración entre as empresas e as universidades en iniciativas de I+D non só é unha realidade nas aulas, senón que ofrece múltiples beneficios para tódolos implicados. O obxectivo desta achega concreta de tecnoloxía á UPC é dotar ao alumnado dos coñecementos e das habilidades necesarias no manexo dos sistemas actuais de xestión corporativa, o que constitúe unha meirande sintonía entre o currículo formativo dos estudantes e as demandas concretas das empresas, que basean as súas metodoloxías en sistemas ERP e CRM.
A día de hoxe, Libra atópase implantando nunhas cincocentas firmas pertencentes a 50 sectores do máis variado, o que significa que a empresa galega ten entre mans unha experiencia ben ampla de coñecemento e materialización para a posta en marcha de casos prácticos que se adapten ás necesidades do mercado empresarial do noso tempo. Libra é un conxunto de ferramentas dirixidas a achegarlles ás empresas a máxima funcionalidade a tódolos niveis. Segundo informa Edisa, con esta serie de aplicacións as empresas poderán obter as vantaxes que achega un produto estándar e integrado, “sen perder a capacidade de adaptación ás necesidades específicas da empresa”. Algunhas das súas funcións son as seguintes:
·CRM: xestión da relación cos clientes.
· BPM: xestión de procesos.
· BI: business intelligence.
· Mobilidade: traballo en liña dende dispositivos portátiles.
· Comercio en rede: portais web e comercio electrónico.