Desvelan os 4 xogos de Xbox que chegarán en breve a outras plataformas

mércores, 21 de febreiro do 2024 Marcus Fernández

A semana pasada no podcast oficial de Xbox adiantaron que estaban a preparar o lanzamento de 4 xogos exclusivos de Xbox a outras plataformas, e a espera para saber cal son non foi longa, sendo tamén bastante predicibles, sen incluír ningunha franquía realmente crucial para a marca Xbox como podería ser Halo ou Gears of War.
O 22 de febreiro realizarase o primeiro lanzamento dun exclusivo a outras plataformas, e falamos de Pentiment, aventura narrativa de Obsidian Entertainment que o 22 de febreiro chegará a PS4, PS5 e Nintendo Switch.
Ese mesmo día abrirase a reserva en dixital para PlayStation 5 de Hi-Fi RUSH, un reputado xogo para Xbox (considerado herdeiro de Jet Set Radio) que estará dispoñible para PS5 o 19 de marzo.
O 16 de abril será cando Grounded, xogo de supervivencia cooperativa de Obsidian Entertainment que xuntou a 20 millóns de xogadores de Xbox chegará a PS4, PS5 e Nintendo Switch, facilitando o xogo entre estas 3 plataformas con Xbox e PC.
Para completar os catro lanzamentos a outras plataformas temos que Sea of Thieves chegará a PlayStation 5 o 30 de abril, de xeito que este título poderá ampliar a súa grande comunidade de 35 millóns de xogadores de todo o mundo. Este xogo tamén contará con xogo cruzado entre Xbox, PlayStation e PC.

PUBLICIDADE