Caléndula gaña o IX Premio ao Mellor Proxecto Universitario con Licenza Libre
venres, 21 de outubro do 2016
A AMTEGA e a Oficina de Software libre do CIXUG fallaron
hoxe o Premio ao Mellor Proxecto Universitario con Licenza Libre que vai xa
pola súa IX edición, recaendo o primeiro premio en José Ángel Piñeiro Souto, da
USC, co proxecto Caléndula
consistente nunha ferramenta para a xestión persoal da medicación e a mellora
da adherencia, integrada na operativa das oficinas de farmacia a través da
Folla de Medicación Activa e do Plan de Dispensación. Este recoñecemento ten
unha dotación económica de 1.500 euros achegada polo CIXUG ao abeiro do
Convenio de colaboración asinado coa AMTEGA.
Ademais, concedeuse tamén un segundo premio a Oscar Blanco
Nóvoa, da UDC, co proxecto Sistema domótico para xestión enerxética que permite
aforrar custes a través dun algoritmo de planificación que fai uso dos datos de
custe horario da enerxía publicados por REE, cunha dotación económica de 750€
achegados pola Asociación GPUL, colaboradora da iniciativa ao abeiro do
convenio de colaboración asinado coa AMTEGA
A participación este ano foi novamente dun excelente nivel,
recibíndose un total de 13 candidaturas, que foron avaliadas por un xurado
composto por Daniel Iglesia Iglesias (UDC), José Varela Pet (USC), Alma Gómez Rodríguez
(UVigo), José María Casanova (GPUL), Breogán Cinza Cabarcos (AMTEGA) e Mar
Castro Pereiro (OSL da AMTEGA), centrándose principalmente na valoración do
correcto licenciamento dos proxectos así como o uso de metodoloxía de traballo
propia dos desenvolvementos en aberto, para escoller os 4 finalistas que
defenderon hoxe ante o xurado os seus méritos para seren merecedores deste
premio. Tras a oportuna deliberación o xurado procedeu a dar a coñecer o seu
fallo.
Os outros dous finalistas do premio, a quen o xurado
felicitou polo seu traballo foron:
- Pablo Castro Valiño, da UDC, co
proxecto VACmatch Mobile. Unha aplicación web e móbil para que os árbitros de
competicións deportivas poidan cubrir as actas dos partidos directamente no seu
teléfono móbil, actualizando os resultados en tempo real, funcionando fóra de
liña se non hai cobertura e sincronizando coa web da federación.
- Marcos Horro Varela, da USC, co
proxecto Simulación de SPM con gem5. gem5 é un framework open source para a
exploración arquitectural de computadores. Neste proxecto creáronse extensións
para a simulación de memorias scratchpad ou controladas por software no
sistema.