Apple introduce o chip M1 no iMac e no iPad Pro

martes, 20 de abril do 2021 Marcus Fernández

Apple celebrou o seu evento de primavera para presentar unha chea de novidades da compañía, que van dende novos produtos até cambios en servizos como Apple Podcasts, que renovará a súa aplicación e ofrecerá a posibilidade de publicar podcasts de pagamento, de xeito que os creadores de contido poderán obter beneficios directamente dos seus lectores dun xeito moi semellante a como fan dos desenvolvedores de aplicacións.
Outro anuncio de pequena importancia sería que o iPhone 12 estreará carcasa en cor púrpura o vindeiro día 30, podendo reservarse a partir do vindeiro venres.

Vídeo de presentación do iPhone 12 en cor púrpura

AirTag

Tamén presentouse finalmente un dispositivo moi rumoreado, chegando a provocar que Samsung lanzase a súa alternativa o pasado mes de xaneiro. Falamos do AirTag, un localizador que pode colocarse en chaves, mochilas ou outros obxectos que non queiramos extraviar, e que poderemos localizar a través da aplicación Buscar do iPhone cunha especie de compás que indica a distancia ao AirTag, que tamén emitirá un son para facilitar a súa localización. Entre as vantaxes deste dispositivo está o feito de que non só o pode localizar o noso smartphone, senón tamén outros dispositivos de Apple, de xeito que se perdemos algo lonxe de onde nos atopamos, recibiremos unha notificación cando pase preto do localizador outro iPhone. Este accesorio poderá encargarse a partir do venres, recibíndose o día 30, custando 35 euros cada unidade e 119 euros o paquete de 4, aínda que cómpre advertir de que, como xa nos ten afeitos Apple en dispositivos como os reloxos, será posible facerse cun AirTag con correas de Hermès, de xeito que os seus prezos partirían de 229 euros a unidade.

Vídeo promocional do AirTag

Apple TV 4K

A renovación do Apple TV 4K podería considerarse case como innecesaria, xa que trátase dun produto que moitos daban por abandonado pola compañía de Cupertino, xa que nun momento no que imperan os Smart TV e moitos están a incorporar AirPlay 2 e integran a aplicación de Apple TV, adquirir un trebello de 199/219 euros non parece moi razoable. Desta volta o Apple TV 4K incrementa a súa potencia co procesador A12 Bionic, mellora a reprodución de contidos 4K con HDR e renova o seu mando a distancia cun clickpad táctil para un control máis preciso e cómodo.
Unha función moi curiosa do novo Apple TV 4K é que permitirá a calibración da súa cor no televisor valéndose do sensor de luz do iPhone, algo que agradecerán os que busquen unha reprodución de cor máis natural.

iMac

Pero para moitos foi unha sorpresa do evento que se anunciase a renovación do iMac, xa que confiaban en que tal anuncio tivese lugar no mes de xuño. Estes novos equipos veñen a ser ordenadores todo-en-un con pantalla de 24 polgadas de 4,5K que ao funcionar co chip M1 pode ter un deseño máis propio dun iPad que dun iMac, e así resultar moi rechamantes, polos seus acabados en 7 cores distintas, integrando 4 portos USB-C (2 con Thunderbolt), conector para auriculares no lateral (reforzando a impresión de que estamos ante un iPad con peaña) e un conector de corrente magnético que no seu transformador integra conector Ethernet (para reducir o cableado sobre a mesa).
Cómpre salientar que por fin o iMac ten en conta o contexto actual no que as videoconferencias gañaron moito peso, e os novos iMac veñen cunha cámara frontal Full HD que a través do procesador de imaxe do M1 consegue unha grande calidade de imaxe, ao que tamén axuda que o equipo integre 3 micrófonos con calidade de estudio e un sistema de audio de 6 altofalantes, polo que redondea unha grande máquina multimedia, que coa súa considerable potencia tamén ten grande potencial para a creación de contidos.
Estes equipos poden reservarse a partir do día 30 e chegarán na segunda quincena de maio a prezos que parten dos 1.449 euros para un modelo con prestacións limitadas, mentres que o modelo ordinario custaría 1.669 euros con 256 GB de almacenamento e 1.899 euros con 512 GB de almacenamento.
A estes equipos acompañaranos teclados e ratos a xogo, ou sexa, que Apple ofrecerá os accesorios para os seus equipos con acentos na mesma cor que os equipos informáticos.

Vídeo de presentación dos novos iMac

iPad Pro

O produto que xustificaba o evento de presentación era o iPad Pro, que incorpora o chip M1, o que supón un salto de potencia que tardaremos en ver o que pode dar de si, e que estará acompañado con conectividade 5G e, no caso do modelo con pantalla de 12,9 polgadas estréase a tecnoloxía Liquid Retina XDR, que é como Apple denomina ás súas pantallas con miniLED, o que permite incrementar considerablemente o nivel máximo de brillo da pantalla á que vez permite un bo contraste grazas a contar cun control por zonas da retroiluminación.
Outro elemento que xustificaría o apelido Pro deste trebello sería o seu porto USB-C, compatible con Thunderbolt e USB 4, de xeito que multiplica por 4 o largo de banda do anterior iPad Pro. Grazas a Thunderbolt o iPad Pro podería soportar Ethernet a 10 Gbps e a conexión a pantallas 6K Pro Display XDR, así como a periféricos que permitirán o uso deste trebello para diferentes traballos creativos.
O iPad Pro renova a súa cámara frontal, optando por un sensor de 12 Mpíxeles cunha óptica de ultra grande angular coa intención de captar un grande ángulo de visión sobre o que poder aplicar recorte, xa que nas videoconferencias estrea a función Encuadre Centrado, que permite que a cámara faga un seguimento de persoas, manténdoas sempre centradas no plano, o que busca unha maior flexibilidade en xuntanzas profesionais ou mesmo conversas familiares.
O novo iPad Pro pode reservarse a partir do día 30 e chegará na segunda quincena de maio, con prezos que parten dos 879 euros para o modelo de 11 polgadas (que carece da pantalla Mini-LED) e dos 1.119 eurso para o modelo de 12,9 polgadas.

Vídeo no que anuncian a incorporación do chip M1 ao iPad Pro

PUBLICIDADE