Samsung presenta novos auriculares sen fíos e un rastrexador de obxectos

xoves, 14 de xaneiro do 2021 Marcus Fernández

Os novos Galaxy S21 chegan acompañados por un par de accesorios interesantes (uns auriculares sen fíos e un dispositivo de rastrexo), que nalgúns casos chegan a incluírse sen custo adicional coa reserva dos novos smartphones de Samsung.
Os novos auriculares Galaxy Buds Pro son unha interesante novidade de Samsung, que mantén a liña dos seus anteriores auriculares sen fíos, pero mellorando a súa calidade de son (integran un woofer de 11 milímetros para graves e un tweeter de 6,5 milímetros para os agudos), ofrecendo maior calidade en chamadas (3 micrófonos recollen os sons non desexados e unha unidade de captación de voz procura asegurar a mellor calidade de voz posible) e contando con cancelación de ruído activa (así como con modo de son ambiente que pode activarse automaticamente en función do contorno).
Permiten até 8 horas de reprodución por carga, e o seu estoxo permite incrementar a súa autonomía en até 20 horas, aínda que se activamos a cancelación de ruído a autonomía baixaría até as 5 horas (13 horas máis recargando co estoxo). Amais, grazas á carga rápida poden funcionar 1 horas tras só 5 minutos de carga.
Un detalle a ter en conta destes auriculares é que conta con certificación IPX7 de resistencia á auga e permiten o uso de SmartThings Find para localizalos se os extraviamos (algo bastante habitual en accesorios dun tamaño tan reducido. O prezo oficial destes auriculares é de 239,89 euros.

Vídeo promocional dos novos Galaxy Buds Pro

Galaxy SmartTag

Pola súa banda, o Galaxy SmartTag é un accesorio que moitos entenden como un xeito de que Samsung se anticipe a Apple, xa que leva tempo rumoreándose que van pór á venda os AirTags, uns pequenos dispositivos de rastrexo para facilitar a localización de obxectos.
Aínda que este tipo de accesorios existen no mercado dende hai anos, que agora Samsung entre neste negocio pode entenderse como unha ampliación do seu catálogo para facilitar aos consumidores certos servizos sen ter que saír do ecosistema da compañía surcoreana. Este accesorio que pode mercarse por 34,90 euros pode engancharse ás chaves, mochilas, maletas ou mesmo mascotas para poder localizalos a través do smartphone incluso cando están fóra do alcance do Bluetooth, xa que usan a rede Galaxy Find Network para facer un seguimento que facilite a localización deste tipo de trebellos.
Para que este accesorio sexa aínda máis práctico, integra un botón que pode programarse a través do móbil para poder controlar electrónica doméstica, de xeito que podería empregarse para, por exemplo, acender luces no fogar.

Vídeo de presentación dos novos Galaxy SmartTags

PUBLICIDADE