A viguesa TokApp abre 2018 mostrando as súas aplicacións en cinco feiras internacionais

martes, 16 de xaneiro do 2018 Fernando Sarasketa

A empresa galega Tokapp, responsábel da aplicación do mesmo nome (dirixida a facilitar a comunicación no seo das empresas, entidades e asociacións) e de TokApp School (a versión para ámbitos docentes), comeza ano cun completo roteiro de presentacións internacionais. Participará, de arranque, en cinco feiras referenciais de diferentes sectores. O obxectivo da firma de Vigo non é outro que ampliar ao máximo a marxe de presenza das súas aplicacións de mensaxes instantáneas, e facelo en todo tipo de ámbitos produtivos onde haxa demanda de melloras para as comunicacións internas e externas. Entre os eventos nos que vai participar atópase a Feira Internacional de Turismo, que se celebra en Madrid entre o 17 e o 21 de xaneiro e reúne a máis de 130.000 profesionais.
Nesta cita madrileña farase fincapé no potencial de TokApp para ceibar aos usuarios das repetidas problemáticas de uso do WhatsApp. Segundo apunta a empresa galega respecto da devandita feira, case un milleiro de concellos pecharon xuntanzas cos responsábeis de TokApp para acadar “comunicacións oficiais, seguras e que cumpran coa legalidade”.
Outra das citas ás que asistirá a compañía de Vigo é Bett Show 2018, feira de corte internacional que pasa por ser unha das máis importantes do mundo educativo, xuntando a máis de 34.000 asistentes e 850 firmas. Entre o 25 e o 27 de xaneiro TokApp viaxará a Londres para asistir a esta xuntanza onde, en colaboración co ICEX España, participará presentando a aplicación de mensaxes TokApp School e máis as súas iniciativas sociais contra o bullying e o ciberacoso.
Amais, TokApp realizará a comezos de febreiro unha viaxe a Israel co apoio da Cámara de Comercio da Coruña, a Xunta de Galicia e o IGAPE, para participar en OurCrowd Global Investor, unha das máis importantes reunións de investidores e novas firmas innovadoras. En Israel, TokApp tentará establecer sinerxías con outras start-ups e realizar contactos de face a continuar co seu espallamento internacional.
O 7 e o 9 de marzo TokApp estará a participar en Edugal, a feira educativa organizada polo Concello de Pontevedra e a Universidade de Vigo, onde informará das novidades de TokApp School. Para rematar este primeiro trimestre TokApp concorrerá na Misión Comercial a Centroamérica, buscando reforzar a súa posición nesta contorna.

PUBLICIDADE