TokApp plántalle cara a WhatsApp adaptando a súa aplicación de mensaxes a empresas e administracións

xoves, 3 de agosto do 2017 Fernando Sarasketa

A empresa TokApp, responsábel da aplicación do mesmo nome destinada a mellorar e ampliar a nosa experiencia comunicativa, vén de declararlle a guerra ao servizo de mensaxes instantáneas WhatsApp. Ou mellor dito: aos problemas de toda índole que se poden derivar dunha centralización parcial dun colectivo arredor do WhatsApp. A principal baza de TokApp é precisamente a súa aplicación para os ámbitos escolares, TokApp School, presente en centros educativos dunha manchea de provincias (máis polo miúdo en máis de 2.000 colexios e formando unha comunidade de medio millón de usuarios). A idea da firma viguesa é adaptar esta tecnoloxía ás institucións públicas e privadas.
Con esta adaptación, engade a empresa, acabaríase con boa parte das complicacións derivadas do devandito servizo de mensaxes instantáneas, sobre todo para os administradores de grupos. Cousas como respostas masivas, confirmacións aleatorias, persoas non len unha mensaxe e “unha longa listaxe de inconvenientes que fan que a interacción coas persoas sexa máis e máis difícil”, sinala TokApp, engadindo que estes quebradeiros de cabeza, de seren aplicados ao ámbito dunha asociación ou un concello, non farían máis que ir máis. “Se organizar uns aniversarios de 10 amigos convértese nun debate de semanas, imaxina propor un evento de 200.000 veciños”, comentan dende TokApp.
Segundo explica o conselleiro delegado da firma galega, Javier Romero, “a idea partiu dalgunhas provincias nas que TokApp school estaba moi presente, onde as asociacións nos preguntaron se eles tamén podían utilizar a aplicación para comunicarse, alén dos ámbitos escolares”. A conclusión, engade, “é que nos decatamos de que tanto os concellos como as asociacións teñen o mesmo problema de comunicación: centralizar aos seus integrantes nun mesmo medio comunicativo”. Con TokApp, di Romero, “xa tiñan á gran parte de usuarios dispoñíbeis”.
Algunhas das vantaxes que achega TokApp son que reduce o tempo de xestión na comunicación mellorando a atención a clientes, empregados e asociados, así como o factor privacidade de datos que pon ao alcance dos usuarios, “cunha rápida posta en marcha do servizo e con mensaxes ilimitadas”.
A devandita adaptación a institucións públicas e empresas xa é unha realidade en administracións como o Concello de Llaneras, que ofrece a posibilidade de subscribirse ás novas da área de cultura, deportes, mocidade e emprego, permitindo tamén que os cidadáns utilicen os seus servizos por toda a comunidade.

PUBLICIDADE