A partir do 6 de decembro xa se poden reservar os dominios .xxx

mércores, 30 de novembro do 2011 Fernando Sarasketa

A empresa Nominalia, especializada na xestión de servizos na Rede e acreditada polo ICANN, vén de anunciar nun comunicado que a partir do 6 de decembro porá a disposición dos internautas a reserva e rexistro dos dominios .xxx, destinados á parte da comunidade de lecer para adultos que queira manter a súa identidade en liña no anonimato. Cómpre sinalar que a achega destes dominios foi aprobada o pasado mes de marzo polo ICANN (entidade internacional que organiza a concesión de aqueles) como dominio de primeiro nivel (TLD) para identificar as páxinas web de natureza pornográfica.
A idea baseábase en achegarlles seguridade a tódolos implicados: a quen fornece os contidos (que pode protexer a súa intimidade) e a quen accede a eles (que ten máis garantías á hora de identificalos). De feito, ata o de agora non se contaba cunha extensión específica que puidera asociar este tipo de webs. Seguindo este fío, Nominalia anunciou xa que achegará a reserva e dominio destes produtos para “evitar usurpacións de identidade seguindo a súa política de protección de marca coa que a firma quere protexer os dominios dos seus clientes”. A empresa tamén quere evitar, á vista do medre do mercado de extensións, “ que os internautas fiquen desprotexidos fronte a falsas identidades e coas súas marcas asociadas a dominios da industria do lecer adulto”.