A nosa terra acolle o vindeiro 19 de abril a súa primeira conferencia específica sobre comercio electrónico
venres, 30 de marzo do 2012
Coa crise facéndose cada vez máis crúa e ante
a constatación da improdutividade dunha chea de actividades e metodoloxías
tradicionais de negocio, é máis necesario ca nunca compartir experiencias e
traballarmos xuntos para atopar novos horizontes. Dáse a circunstancia de que
moitos destes horizontes teñen feitura virtual, ou están mesturados cos novos
escenarios e ferramentas dixitais. En definitiva, hai gran potencialidade nunha
cousa que temos ao alcance da man, e nunca mellor dito: a Rede. Buscar xeitos
de amosar esa potencialidade e tirar proveito dela, facendo especial fincapé no
mercado dixital, é o gran obxectivo da Conferencia de Comercio Electrónico CONECOM, que se celebra o 19 de abril en
Santiago da man de DobleClic.
A xuntanza, segundo nos conta o seu promotor
Xosé Rivera, desenvolverase no Pazo de Congresos de Compostela, co apoio do
Concello, a Cámara de Comercio e máis a Xunta de Galicia. CONECOM, case con
toda probabilidade a primeira conferencia específica sobre comercio dixital que
abrolla da nosa terra, apóiase nunha serie de piares a ter en conta: a difusión
das vantaxes de facermos mercado nas novas canles, a reflexión sobre como estas
poden fortalecer a nosa competitividade, o aproveitamento do galego como
distintivo e vantaxe comunicativa (cómpre pensar nas posibilidades de
comunicación que nos abre con Brasil, hoxe en día unha das primeiras potenciais
mundiais), e máis a busca da meirande participación posible, a nivel innovador,
de tódolos nosos sectores. Dende a artesanía e a agricultura ata a cultura
galega, pasando pola industria en xeral. Todos estes eidos de actividade, lémbranos
Xosé Rivera, amosan un gran potencial de comercialización, pero en moitos casos
non atopan as ferramentas nin as iniciativas como para saber materializalo. Con
esta proposta, a conferencia CONECOM, quérense romper barreiras e instruír aos
emprendedores e aos pequenos e medianos empresarios nas máis innovadoras
metodoloxías de mercado dixital. O evento contará coa presenza do devandito Xosé
Rivera, deseñador dixital con experiencia en empresas como Fynet, Simplifica ou
DobleClic (que arestora coordina); Álvaro Gómez, programador con traxectoria en
importantes proxectos galegos como Acordar, Vieiros, Simplifica ou A Navalla Suíza;
Manuel Pan, responsable de Abertal e de múltiples iniciativas galegas de
consultoría TIC, turismo e comercialización na Rede; Fran Suárez, enxeñeiro
técnico en Informática e xefe de Proxectos de Pululart; e Luís Míguez, un dos
nosos profesionais máis experimentados nas vantaxes do comercio electrónico e
impulsor de proxectos como www.24joyas.com e www.12horas.es.
Volvendo a CONECOM, dicir que as inscricións
serán de balde e realizaranse de maneira telemática dende a páxina web do evento. Calquera empresa ou
institución que queira participar con unha boa idea ou colaborando economicamente
na promoción da xornada pode poñerse en contacto coa organización da xornada a
través da seguinte conta de correo: info@conecom.es.
