A galega Igalia deseña aplicacións para trebellos móbiles baseadas en software libre
luns, 1 de setembro do 2008
A galega Igalia, empresa de enxeñaría informática con
sede na Coruña, está a traballar nun proxecto de investigación orientado á mellora
de servizos e aplicacións nos dispositivos móbiles para aqueles usuarios e
usuarias que, entre outras cousas, precisen usar o navegador web e as
aplicacións multimedia a través deste trebello.
Con este
proxecto, que se prevé rematar a finais de 2008, Igalia propón unha solución
baseada en software libre para que os dispositivos móbiles conteñan servizos “cada vez máis completos” e se
desenvolvan produtos de baixo custo “coa
mellor funcionalidade posible”.
Para esta
iniciativa, Igalia emprega como base a tecnoloxía Gnome/Maemo, unha plataforma
ou conxunto de programas e utilidades para dispositivos móbiles baseados en
software libre que tamén empregan outras compañías de traxectoria consolidada
tales como Nokia, Intel ou Openmoko.
Segundo veñen
de afirmar os responsables do proxecto, os resultados “terán unha aplicabilidade máis ampla” e poderán reempregarse noutro
tipo de dispositivos tales como
solucións para escritorios de ordenadores, PDA ou GPS.
Para concretar os seus
obxectivos, Igalia centrouse en tres liñas de traballo: a plataforma de desenvolvemento xeral (que inclúe tecnoloxías base
para a creación de aplicacións), aplicacións
ao usuario e a xestión de calidade
nos proxectos. No que se refire á plataforma de desenvolvemento xeral, o
traballo baséase na creación e adaptación de bibliotecas reutilizables, é dicir, de anacos
de software que poderán ser adaptados e integrados por terceiros no
desenvolvemento de diversas aplicacións. Un exemplo son as posibles adaptacións
da biblioteca gráfica de Maemo e a creación de novas pezas que permitan a
creación de interfaces visuais para os aparellos móbiles.
O segundo dos obxectivos
apuntados por Igalia é o desenvolvemento e adaptación de aplicacións para o
usuario axeitadas e pensadas para funcionar nun entorno móbil, como son o
navegador, o cliente de correo e as ferramentas multimedia. No caso de
navegador web, traballan para incrementar o rendemento dos xa existentes e no
tocante ao cliente de correo, a empresa galega está a traballar na mellora do
proxecto Tinymail/Modes, que hai dous meses foi incluído na última versión do
software oficial dos tablets Nokia.
Os desenvolvedores do proxecto
aseguran que “ten unha importancia
especial para Galiza” xa que, pola súa organización territorial e
demográfica require solucións de comunicación baseadas nas redes sen fíos e nos
dispositivos móbiles asociados ás mesmas, que “permiten unha conexión flexible, menos custosa e con novos usos”.
A iniciativa
conta co respaldo da Consellaría de Innovación e Industria, que vén de
concederlle a Igalia unha axuda de 56.250 euros a través do Programa de
Sociedade da Información do Plan Galego de I+D+I 2006-2010 (INCITE).