A clausura do proxecto europeo I-Speed reunirá en Santiago a ducias de expertos en TIC e turismo
martes, 7 de agosto do 2012

- O Hostal dos Reis Católicos de Santiago, sede do acto de clausura, fotografado por Ángel Torres e visto na Galipedia
O proxecto europeo I-Speed,
que ten como obxectivo mellorar a competitividade da economía do turismo local
e rexional a través do afianzamento e emprego de novas tecnoloxías, chega
á súa recta final en Compostela, este mes de setembro, cun reconto de todo
o acadado ao longo do desenvolvemento do programa. Este, do que xa temos
falado en Código Cero con motivo dunha xornada de traballo en Creta (onde
se deron a coñecer, entre outras cousas, a web 2.0 de Turgalicia e do Xacobeo),
celebra o 20 de setembro ao congreso de clausura, da man da Secretaría Xeral
para o Turismo e outras entidades europeas. I-Speed, proxecto de colaboración
tecnolóxica cofinanciado pola UE a través do Programa Interreg IV-C, reunirá no
Hostal dos Reis Católicos a preto de 50 especialistas en TIC e turismo
procedentes dos máis afastados recantos da contorna europea.
Máis polo miúdo, contarase coa presenza dos
órganos de promoción turística de Venecia –cidade que lidera o proxecto-; o
condado de Hedmark, en Noruega; Varsovia en Polonia; a rexión de Creta; o
condado de Powys, no Reino Unido; Bucarest, en Rumanía; a provincia de Roma, en
Italia, a Asociación Nacional de Municipalidades da República de Bulgaria
–NAMRB-; a comunidade urbana de Nantes, en Francia, e tamén Galicia, a través
da devandita Secretaría Xeral. Xuntos, analizarán as mellores prácticas
europeas na aplicación de novas tecnoloxías dixitais no sector turístico, coa
finalidade de favorecer a súa transferencia e o afianzamento en novos
emprazamentos. Prácticas como por exemplo a Central de Reservas On-line de
Turismo Rural de Galicia, recurso TIC para a xestión das reservas dos establecementos
rurais de Galicia que, tal e como
sinalamos recentemente dende esta web, foi quen de xerar e xestionar un
importante número de aloxamentos, cifra que hoxe en día roldaría as 40.000
noites contratadas.
