Turismo leva a tecnoloxía galega a Creta

martes, 7 de setembro do 2010 Raquel Noya

A Secretaría Xeral para o Turismo, dependente da Consellería de Cultura e Turismo, vai viaxar ata Creta, do 21 ao 23 de setembro, para participar nun workshop baseado no potencial das tecnoloxías da información aplicadas a este sector, onde mostrará as bases do uso dunha economía do turismo sostible.
Este workshop, ao que acudirán entre outras personalidades, o xefe de servizo de Programas Europeos e Planificación Turística da Secretaría Xeral para o Turismo, José Luis Maestro, enmárcase no proxecto europeo I-Speed, e ten como obxectivo mellorar a competitividade e sostibilidade da economía do turismo dende as entidades locais e rexionais a través da mellora das súas políticas e ferramentas tecnolóxicas.
Neste workshop de Creta, o conxunto do partenariado exporá os resultados do grupo de traballo de identificación e análise de boas prácticas, que está liderado polo socio do condado de Hedmark (Noruega) e que servirá de mostra para a elaboración dunha guía de boas prácticas que mellore as políticas da economía do turismo sostible.
Esta guía, que se poderá visualizar logo na páxina web do proxecto, contribuirá, entre outras cousas, á difusión obxectiva destas para promover a transferencia de resultados a outras organizacións mesmo fóra do partenariado. No workshop de Creta intervirán tamén expertos externos e gurús e referentes das tecnoloxías da información aplicadas ao turismo na Unión Europea.
O proxecto I-Speed, que rematará en decembro de 2012, vense artellando en base a varias reunións, como a reunión de lanzamento, celebrada en Venecia en febreiro de 2010, no que participou a secretaria xeral para o Turismo, Mª Carmen Pardo, que explicou, entre outras cuestións, o Plan Estratéxico de Galicia da Sociedade da Información (PEGSI) 2009-2013.
Asemade, neste mesmo encontro, Carmen Pardo presentou a web 2.0 de Turgalicia e do Xacobeo, así como todos os gadgets que puxeron en marcha xunto coas redes sociais.
A última das reunións, celebrada no pasado mes de maio en Hedmark (Noruega), serviu para o intercambio de experiencias entre os socios. No encontro incidiuse na necesidade de usar estas ferrramentas tecnolóxicas non só no no marco administrativo, senón tamén na promoción dos recursos turísticos dos diferentes territorios, como pode ser a promoción dunha igrexa a través dunha visita virtual.
Xa noutro acto, concretamente no encontro de Noruega, quedou de manifesto “a sensibilización do goberno galego para coa Sociedade da Información actual, plasmada no orzamento de 260 millóns de euros para o Plan Estratéxico Galego da Sociedade da Información 2009-2013 (PEGSI)”.
Na actualidade, existen en Galicia 317 espazos de acceso público a Internet agrupados que forman a Rede Galega Integral de Centros ao servizo da Sociedade da Información, o que permite ao goberno autonómico estar presente en 227 dos 315 concellos galegos. Ferramentas como a plataforma de turismo rural de Turgalicia, presentada en maio deste ano, facilita aos establecementos de turismo rural da comunidade a comercialización on line e a formación neste tipo de dispositivos.
A finalidade é, segundo informan dende o executivo, “a de fomentar o desenvolvemento dunha economía do coñecemento para acadar a converxencia de Galicia cos obxectivos fixados pola UE na estratexia de Lisboa”.
Os socios que compoñen o partenariado do I-Speed xunto á Secretaría Xeral para o Turismo son a cidade de Venecia, xefe de fila do proxecto; condado de Hedmark (Noruega), cidade de Varsovia, Concello de Plovdiv (Bélxica), Rexión de Creta, condado de Powys (Gran Bretaña), Concello de Bucarest, Parkstad Limburg (Holanda) e a provincia de Roma.