A UDC e Informática 64 organizan este mes un curso de especialización en trebellos móbiles

mércores, 6 de xuño do 2012 Fernando Sarasketa

Chema Alonso, de Informática 64, participará no curso como relator

A Universidade da Coruña e Informática 64 veñen de unir forzas para un traballo formativo e divulgativo conxunto: o de preparar o camiño dos nosos profesionais do futuro no eido da programación para trebellos de nova xeración, un eido cuxo potencial como espazo de traballo e de negocio axigántase cada día. O Curso Profesional en Dispositivos Móbiles desenvolverase os días 20, 21 e 22 de Xuño, en xornada completa na Facultade de Informática da UDC, e contará con reputados profesionais no ámbito dos aparellos intelixentes, como Chema Alonso (da empresa Informática 64, experto en seguridade informática), ou Rames Sarwart (director xeral de SmartAcces, especialista en protección de sistemas e máis en sinatura dixital).
Segundo informa o CPEIG na súa web, na actividade formativa tamén participará (entre outros relatores de primeira liña, achegando contidos e recursos), Juan Miguel Aguayo (consultor de Desenvolvemento e Seguridade de Informática 64 e autor de Desarollo de aplicaciones iOS para iPhone & iPad: Essentials).
Ademais, como actividade de índole complementaria, entregaráselles aos participantes un exemplar de Hacking e seguridade en comunicacións móbiles GSM/GPRS/UMTS/LTE, de José Pico e David Pérez. O curso incluirá unha máis que completa serie de sesións e charlas de unha hora, centrándose en contidos como as tecnoloxías móbiles e as súas múltiples aplicacións, arquitecturas de sistemas operativos, conceptos de seguridade, virus e malware, sinatura dixital, etc.
O curso está aberto a profesionais e estudantes. Os alumnos da Universidade da Coruña poderán contar cun desconto especial. Haberá dous tramos de rexistro para premiar aos asistentes que antes reserven a súa praza. Para máis información, cómpre visitar a web de Informática 64.