A Biblioteca Virtual Miguel de Cervantes festexa na Rede 2.0 o seu 10º aniversario

venres, 10 de xullo do 2009 Fernando Sarasketa

A Bibioteca Virtual Miguel de Cervantes está a festexar estes días o seu décimo aniversario na Rede, treito de tempo que en termos reais non é motivo de abraio pero que no eido dixital semella todo un longo camiño asistindo a todo tipo de revolucións e tendencias. A iniciativa, que a día de hoxe centra o seu labor en manterse firme nun vehículo que avanza coma poucos (o vehículo da Web 2.0), ten a súa principal razón de ser na dixitalización de obras literarias e na súa posta a disposición dos internautas a través de descarga libre en distintos dispositivos electrónicos. As entidades responsables da Biblioteca (a Universidade de Alacante coa axuda da Fundación Marcelino Botín e o Banco Santander) contan a día de hoxe cun equipo de arredor de 80 persoas, centrando os seu labor na adaptación dos libros aos formatos dixitais, na corrección dos mesmos e no deseño e mantemento da web.
Neste intre, informa Baquia.com, a Biblioteca ten entre mans unha tarefa complicada: adaptarse a uns tempos que cambian no intre en que deixamos de mirar para eles, os tempos 2.0.
Máis en detalle, do que se trata é de abrirse plenamente á descarga de libros en dispositivos móbiles de toda índole: teléfonos, PDAs ou eReader, contando tamén PCs e portátiles. A maiores, quérese chegar ao meirande número de lectores asumindo feituras e canles de rede social ou ben establecendo colaboracións con outros servizos xa activos de gran calado. Por certo que o primeiro escritor que tivo o privilexio de contar cun portal na Cervantes foi o recentemente falecido Mario Benedetti. Este feito, unido a gran cantidade de seareiros do escritor uruguaio espallados por todo o mundo internauta, foi o pulo definitivo para que a Biblioteca se puxera mans á obra actualizando os máis de medio centenar de rexistros que foron habilitados de Benedetti.