A Apple Store incorpora accesorios para o novo MacBook

martes, 10 de marzo do 2015 Marcus Fernández

A presentación do novo MacBook supón a meirande aposta en favor dos portos USB-C até o momento, de xeito que, en vez de incluír este porto nun equipo substituíndo un porto USB ordinario, optouse por convertelo no porto comodín, que fai todas as funcións á vez, de xeito que substitúe a portos USB, saída de vídeo e toma de corrente, valéndose do potencial desta tecnoloxía e conseguindo así revolucionar o xeito de entender os ordenadores portátiles ao levar a súa conectividade por cable á mínima expresión.
Pero, é xa posible traballar cun equipo con esta configuración? Se buscamos na tenda en liña de Apple vemos que xa ten en catálogo (aínda que loxicamente sen stock) os adaptadores para poder tirar proveito do novo porto USB-C do MacBook, que serían un adaptador de corrente de 29 watts á venda por 55 euros, un adaptador de USB-C a VGA por 89 euros, un adaptador de USB-C a HDMI por 89 euros, un adaptador de USB-C a USB por 19 euros e un cable de carga USB-C de 2 metros por 35 euros.
Destes accesorios os máis interesantes serían os adaptadores de vídeo, que deixan ver a intención da adopción dun único porto no MacBook, xa que estes adaptadores inclúen, aparte do conector VGA ou HDMI, un conector USB-C para poder encadear dispositivos con esta tecnoloxía e un porto USB para poder conectar dispositivos actuais. Unha boa solución que pode resultar moi práctica para o escritorio, aínda que polo momento complica o uso en mobilidade deste tipo de equipos que precisará de adaptadores para labores tan sinxelas como acceder a unha memoria USB.

A Apple Store xa lista distintos adaptadores para o porto USB-C do novo MacBook

PUBLICIDADE