O novo MacBook será o primeiro portátil en apostar polo USB-C

luns, 9 de marzo do 2015 Marcus Fernández

Apple atopou un grande momento para presentar o seu novo portátil: o evento para dar conta do detalles do lanzamento do Apple Watch. Cando o público estaba impaciente por coñecer os pormenores do reloxo de Apple, a compañía sorprendeuno co que podería ser o ordenador portátil con máis novidades presentado pola compañía até o momento, marcando o punto de partida para tecnoloxías ás que nos afaremos nos vindeiros meses.
Así, o novo MacBook sería o primeiro ordenador portátil do mercado en apostar por un porto USB-C, que sería o único conector co que contaría o equipo, servindo para cargar a súa batería, transferir datos, conectar dispositivos externos e incluso como saída de vídeo, grande aposta que ningún outro fabricante se atreveu a facer até o momento. O equipo tamén sorprendeu cun novo deseño de baterías por capas, o que permite que aproveite ao máximo o espazo dispoñible no interior dun portátil que teñan formas redondeadas, conseguindo casar así unha boa autonomía cun deseño elegante.
O novo MacBook ofrécese só con pantalla Retina de 12 polgadas (cunha resolución de 2.304 x 1.440 píxeles, ou sexa, cunha relación de aspecto de 16:10), estrea un mecanismo de teclado (coñecido como de bolboreta) que consegue unha maior precisión e un grosor un 40% máis delgado, o seu trackpad de grande tamaño integra Force Touch (tecnoloxía que identifica a forza coa que se preme sobre a súa superficie táctil, de xeito que dispararía distintas accións cun toque normal que cun toque forte, á vez que tamén contaría cun mecanismo háptico que achegaría unha resposta palpable ás pulsacións), cada tecla do equipo integra retroiluminación de seu, funciona cun procesador Intel Core M de quinta xeración cun consumo de só 5 watts, e o primeiro portátil de Apple que funciona sen ventilador para refrixerarse e cun corpo totalmente de metal que ofrecerase en tres acabados distintos (ouro, prata e gris espacial).
Este equipo de só 0,92 quilogramos de peso e 0,35-1,31 centímetros de grosor goza dunha autonomía de até 9 horas, pode configurarse con almacenamento flash de até 512 GB, inclúe 8 GB de RAM, funciona cunha gráfica Intel HD 5300, inclúe conectividade Wi-Fi AC e Bluetooth 4.1 e venderase a un prezo de 1.449 euros con 256 GB de memoria flash e 1.799 euros con 512 GB de almacenamento flash.
Estamos ante un equipo deseñado claramente para un mundo sen cables, que sorprende en parte por situarse nun rango de prezos entre o MacBook Air e o MacBook Pro, pero nun formato demasiado semellante ao MacBook Air, equipo ao que non consegue superar na meirande parte de apartados (agás na resolución de pantalla e a portabilidade), o que pode lembrar ás primeiras versións de MacBook Air (que apostaban máis pola innovación que por ser mellores que outros equipos sobre o papel).
Estes novos ordenadores chegarán ás tendas o 10 de abril.

O deseño interno do novo MacBook potencia a autonomía e reduce o ruído eliminando o ventilador interno


Vídeo de presentación do novo MacBook

PUBLICIDADE