O Pont-Up Store quece motores cun avance centrado na dixitalización e o neuromarketing

luns, 19 de setembro do 2022 S. P.

Este martes 20 arranca o programa de actividades previas ao Encontro de Emprendemento Pont-Up Store, que nesta novena edición vaise centrar en mellorar a competitividade dos proxectos empresariais nacidos na pandemia. Tres destas actividades están organizadas en colaboración coas Cámaras de Comercio de Pontevedra, Vigo e Vilagarcía de Arousa que permitirán seguimento en liña e que se desenvolverán tamén de xeito presencial ata completar aforo no salón de actos da sede da Cámara de Pontevedra.
A primeira celebrarase este martes e trátase dunha formación centrada na Viabilidade económica e o financiamento da pequena empresa e que partirá da análise de balances como ferramenta clave que vai permitir ás persoas emprendedoras tomar decisións económicas e financeiras, a través da información contábel, co fin de reducir a incerteza do medio ambiente empresarial. A formación celebrarase entre as 10:30 e as 12:30 horas e será impartida por Oscar Rey, membro do Consello Xeral de Economistas e Asesores Laborais.
A xornada do mércores centrarase en dar a coñecer as axudas e subvencións para persoas autónomas e pemes galegas en ámbitos de dixitalización, internacionalización, aforro e eficiencia enerxética e enerxías renovábeis; comercio; emprendemento; creación/contratación de emprego; igualdade, RSE e conciliación; e I+D+i. A través da xornada preténdese dar a coñecer as axudas que a modo de subvencións, préstamos, deducións e bonificacións... reparten as distintas administracións públicas nestes ámbitos tanto a nivel estatal, como autonómico, provincial ou municipal, como impulso á actividade económica das persoas autónomas e as empresas. A sesión A formación celebrarase entre as 10:30 e as 12:30 horas e estará guiada por Ana Vázquez, directora e fundadora da empresa Prox e especialista na dirección e xestión de proxectos.
O xoves será a quenda das ferramentas de comunicación a empresa. Baixo o título A túa web non se vende soa: creatividade e storytelling desenvolverase unha xornada formativa entre as 10:30 e as 13:00 horas para dar a coñecer aos participantes a Oficina AceleraPEME informar sobre as convocatorias e recursos do programa Kit Dixital. O obxectivo é analizar os erros comúns que levan aos clientes a malgastar o diñeiro das subvencións ou do seu orzamento de mercadotecnia por contratar sen saber o que queren, necesitan ou é adecuado para o seu negocio. A formación virá da man de Pilar Iglesias, coordinadora da Oficina AceleraPEME da Cámara de Comercio de Pontevedra e especialista en desenvolvemento de programas de Innovación e dixitalización empresarial; e Damián García, axente dixitalizador do programa Kit dixital, e xerente da empresa Emotive Neuromarketing Technologies, desde onde promove estratexias para conectar co público a través das emocións e tamén dunha boa análise de datos.
Afondando nos desafíos da comunicación online das empresas, o xoves pola tarde, de 17:00 a 18:00 horas, aínda está previsto un obradoiro telemático a través de Zoom organizado pola Deputación de Pontevedra para Crear un plan de márketing dixital paso a paso. A sesión insistirá na importancia de contar cunha estratexia corporativa de mercadotecnia en liña como ferramenta esencial para que unha empresa teña éxito na contorna dixital e guiará ás persoas asistentes na creación do seu propio plan paso a paso partindo dun nivel básico, polo que non será preciso ter coñecementos previos. O obradoiro será impartido por Adrián Fernández, licenciado en Comunicación Audiovisual pola Universidade de Barcelona e cunha ampla experiencia e traxectoria profesional asesorando empresas de diversos sectores no ámbito da comunicación dixital e a mercadotecnia online.
E por último, tamén se inclúe dentro deste bloque de actividades do Espazo de Desenvolvemento de Competencias, un obradoiro organizado en colaboración coa Comunidade WordPress Pontevedra, e enmarcada dentro do WordCamp Galicia (23-25 de setembro), que baixo o título WordPress en Acción: obradoiro de iniciación e Do-action, desenvolverá unha sesión formativa teórico-práctica para iniciarse no mundo do WordPress e descubrir o fácil e rápido que é crear unha web con esta ferramenta. Será o venres de 9:30 a 18:30 horas na Facultade de Comunicación da Universidade de Vigo, no Campus da Xunqueira.
Pont-Up Store
O Pont-Up Store é unha iniciativa da UVigo e o Grupo G4 Plus, liderada polo Campus CREA de Pontevedra, e conta co apoio da Concellaría de Promoción Económica do Concello de Pontevedra como patrocinador principal, e tamén co respaldo da Deputación de Pontevedra, Abanca, Zona Franca e R, entre as máis de 50 entidades públicas e privadas que durante estes anos foron sumándose ata conformar un ecosistema de apoio ao emprendemento co obxectivo de converter a Pontevedra na “capital galega das mellores iniciativas empresariais”. Nas labores de organización e coordinación, o encontro conta tamén coa participación da Asociación para o Emprendemento e Innovación Pont-Up Store, que ten como obxectivo aproveitar a experiencia e os valores promovidos polo encontro ao longo destas oito edicións, garantir a continuidade da celebración anual do evento e apoiar tanto aos novos emprendementos como a toda a comunidade de participantes, que representa a preto de 300 iniciativas procedentes de toda Galicia.

PUBLICIDADE