As cuestións máis relevantes da ciberseguridade na 5G, ao detalle nunha xornada dende Gradiant

xoves, 4 de abril do 2024 S. P.

O Nodo 5G e o Centro Tecnolóxico Gradiant organizan este mes de abril unha xornada de protección tecnolóxica avanzada baixo o epígrafe Aspectos relevantes da ciberseguridade na 5G. Será o 11 de abril en horario de tarde, de 17.30 a 19.00 horas, en formato streaming dende a sede de Gradiant en Lavadoires, Vigo.
O obxectivo principal desta sesión é “dar unha iniciación ás redes móbiles 5G e a súa evolución (6G) desde o punto de vista das súas principais aplicacións e arquitectura, unha aproximación aos aspectos de seguridade destas redes, as súas vulnerabilidades coñecidas e potenciais, así como a investigación e o desenvolvemento de novas ferramentas que axuden a reforzar a seguridade das redes móbiles do futuro”.
O programa inclúe os seguintes contidos: introdución ás redes móbiles de nova xeración (redes 5G, porque se fala de redes 6G?), aspectos de seguridade nas redes 5G e as súas vulnerabilidades coñecidas e potenciais e exemplos prácticos de I+D+i para a mellora da seguridade en redes móbiles.
Ao remate da sesión farase unha visita presencial polas instalacións de Gradiant.
Interveñen Luís Pérez Roca, director da área de Comunicacións Avanzadas de Gradiant e Juan González Martínez, director da área de Seguridade e Privacidade de Gradiant.

PUBLICIDADE