PhotoIlike recibe o premio Solvia PropTECH 2024 á mellor tecnoloxía para a comercialización de activos

mércores, 3 de abril do 2024 S. P.

A spin-off da UDC PhotoIlike vén de facerse co premio Solvia PropTECH á mellor tecnoloxía para a comercialización de activos, logo de impoñerse ás máis de 50 candidaturas participantes nesta segunda edición dos galardóns. Amais, concedéronse outros dous premios noutras dúas categorías: o de mellor tecnoloxía proptech para a mellora da experiencia do cliente, entregado á empresa Homming, e o galardón á mellor proptech innovadora para a empresa Balize.
As firmas distinguidas terán oportunidade de levar a cabo un proxecto piloto inicial en colaboración con Solvia e demostrar que as súas propostas tecnolóxicas teñen un impacto significativo no sector inmobiliario español.
Desde PhotoIlike sinalan que “os premios Solvia Protech supoñen o recoñecemento público máis importante na nosa andadura, un reforzo fundamental, posto que son un referente anual das mellores iniciativas tecnolóxicas e de innovación do sector”.
PhotoIlike, desenvolvida por Indestia, foi creada no ano 2021, e consiste nunha ferramenta que está a ser usada por inmobiliarias de todas España para ofrecer aos seus clientes aquelas imaxes con mellor atractivo comercial. Conta cunha tecnoloxía propia, baseada na Intelixencia Artificial e con capacidade de predicir o atractivo comercial dunha imaxe, xerando así un incremento de clics e tendo unha repercusión no incremento de vendas.
A historia desta empresa data de finais do ano 2018, cando, grazas a unha axuda Ignicia de GAIN, Juan Romero xunto con outros profesores/investigadores da UDC lánzanse a desenvolver un prototipo que se poida converter en produto e lanzar unha spin-off.
Na actualidade son 7 persoas traballando na empresa, contando dentro do accionariado a propia UDC e profesores da mesma (Adrián Carballal Mato, Juan Jesús Romero Cardalda, María de la Luz Castro Pena, Nereida Rodríguez Fernández e Francisco Abel Cedrón Santaeufemia). Ademais, desde a empresa sempre trataron de contratar persoal dentro da UDC, como son Iria María Santos López e Álvaro Torrente Patiño.
Segundo explica Juan Romero, co-fundador e xefe de Innovación de PhotoILike, coa súa ferramenta “as empresas melloran a conversión dos seus anuncios máis dun 20%”
PhotoILike ten procesados máis de 23 millóns de imaxes de clientes en España e Sudamérica en en todos as probas realizadas conseguiu máis clics que os anuncios editados por humanos unicamente cambiando a orde das fotografías.

PUBLICIDADE