Xa podemos consultar os datos demográficos da audiencia dos nosos vídeos en YouTube

venres, 16 de maio do 2008 Marcus Fernández

Os rangos de idade e o sexo son os datos incorporados a YouTube Insight

YouTube Insight, o servizo que permite consultar as estatísticas dos vídeos que subamos ao portal de vídeos de Google, ampliou a información que achega aos seus usuarios incorporando datos demográficos, de xeito que podemos coñecer os grupos de idade e o sexo das persoas que reproducen os nosos vídeos, o que axuda a entender mellor a composición da audiencia de cada contido.
Estes avances van dirixidos a unha mellor explotación publicitaria de YouTube, pois tanto anunciantes coma publicistas están moi interesados nos datos demográficos, para axustar a difusión das súas campañas para chegar mellor ao seu público obxectivo.
Dende Google aseguran que a información persoal empregada para obter estes resultados estatísticos se trata con total seguridade, de xeito que non é posible a identificación de ningún usuario particular.

PUBLICIDADE