Volven en febreiro os obradoiros CreaR con actividades para toda a familia

martes, 12 de febreiro do 2019 Fernando Sarasketa

Co novo ano e xa metidos en febreiro, a operadora galega R non quere que decaia a formación tecnolóxica que, ademais de enriquecedora, sexa divertida. Por esta razón retoma os obradoiros itinerantes de CreaR pola nosa xeografía, unha xira que o ano pasado levou a divulgación tecnolóxica pola feira Pont Up Store de Pontevedra, Baiona, Xuventude Galicia Net (en Silleda), Ribadeo, Tui, Caldas, Porriño, Santa Comba ou a Mobile Week da Coruña, e que agora comeza unha nova edición con máis obradoiros e charlas didácticas poñendo o foco “nas bondades que nos ofrecen as novas tecnoloxías”. A primeira cita será en Carballo este 23 de febreiro.
En primeiro lugar, retómanse os obradoiros de robótica para nenas e nenos de entre 7 e 12 anos, cos que se quere “potenciar a creatividade dos cativos, espertar o seu espírito emprendedor e adestralos en habelencias como o traballo en equipa ou a oratoria”. Segundo informa R, o proxecto temático destas novas xeiras será a programación e construción dunha cidade, incluíndo cousas como un coche con plastilina condutiva (con luz de seu), un semáforo programado ou unha barreira de acceso. Estes obradoiros terán dúas horas de duración e neles terán cabida un máximo de 30 nenas e nenos. “O noso obxectivo”, explican dende R, “é achegarlles unha experiencia divertida para gañaren en seguridade e dar saída ao seu talento”. Ao carón disto, porase o foco nos valores do emprendemento e nos alicerces dos conceptos STEAM: ciencia, tecnoloxía, enxeñaría, arte e matemáticas.
Para desenvolver ao máximo os ditos obxectivos, a operadora volverá contar coa colaboración da escola Líbolis Pequenos Emprendedores e o seu innovador método educativo.
Por certo que os obradoiros CreaR tamén terán contidos para nais, pais e docentes, que poderán escoitar (mentres a rapazada se divirte e crea) consellos dun pedagogo especializado para resolver dúbidas sobre a educación dos que si naceron na era dixital; e sobre o bo uso que adolescentes e millennials poden facer da internet e das redes sociais. Estas charlas sobre temas diversos desenvolveranse en espazos adxacentes aos talleres CreaR e están pensadas para un máximo de 40 persoas. Pilotando as sesións estará o equipo de Sherpa Digital, resolvendo dúbidas sobre a contorna dixital.
Como dixemos, os obradoiros e as charlas do programa CreaR arrincan a súa andaina o vindeiro 23 de febreiro en Carballo, e de aí até o final de ano visitarán tamén as localidades de Vilagarcía de Arousa, Ourense, Monforte de Lemos, Nigrán, A Coruña, Pontevedra, Ribeira e Narón.
O proxecto educativo CreaR está aberto ao público xeral, tanto a clientes como a non clientes do operador galego. Tan só é preciso contar con algún dos convites que R porá a disposición da xente nos puntos de venda das localidades onde se celebre a acción cada mes.
Os obradoiros enmárcanse no programa Digitalent 2020 da Xunta (a través da axencia AMTEGA) para estimular o talento precoz no ámbito das TIC e fomentar vocacións nas profesións científico-tecnolóxicas especialmente entre mozos e mozas dende idades temperás.

PUBLICIDADE