Vodafone e a Xunta entregan os galardóns de Connecting for Good, que terá continuidade

martes, 30 de maio do 2017 Fernando Sarasketa

Este 30 de maio celebrouse na Cidade da Cultura a conclusión da primeira convocatoria de Connecting for Good Galicia, a iniciativa de Vodafone, AMTEGA e Economía para impulsar e acelerar proxectos tecnolóxico-sociais con vontade de mellorar a calidade de vida dunha manchea de colectivos. Foi unha xornada de traballo, de intercambio de experiencias e impresións e, tamén, de galardóns (os Premios Connecting for Good Galicia). A xornada, na que participaron arredor de cen persoas, contou coa presenza de Mar Pereira, directora da AMTEGA (Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia), quen abriu a entrega de distincións salientando a excelencia dos seis proxectos participantes (dos que temos falado xa en Código Cero). Ademais, amosou o agradecemento da Xunta a Vodafone “por apostar pola innovación social e solidaria”. Na entrega de premios distinguíronse os valores de Insulclock e máis de Robobo. Asemade, Vodafone avanzou que Connecting for Good Galicia terá continuidade.
No acto tamén participaron o director de Administracións Públicas de Vodafone, Diego Torrico, e do director xeral da Fundación Vodafone España, Santiago Moreno. Torrico salientou que a xuntanza deste 30 de maio foi o peche a “un proxecto ideal de colaboración pública-privada”, en clara alusión ao acordo co Goberno galego (a través de AMTEGA e o Pacto Dixital de Galicia) que propiciou a posta en marcha de Connecting for Good Galicia. Torrico deulles os parabéns a todos os participantes (Insulclock, Robobo, MyKeeper, Phottic, PsicoVR e Xesmar) e mostrou a satisfacción da compañía de telecomunicacións por ter participado no dito programa, ao tempo que avanzou detalles da que será a segunda edición do mesmo. Esta, por certo, xa ten aberto (e até o 2 de xullo) o prazo para presentar convocatorias, a través da web da Fundación Vodafone.
Amais de Mar Pereira, o Goberno galego estivo tamén representado polo conselleiro de Economía, Francisco Conde, que tivo palabras para destacar a suma perfecta de dous ingredientes que amosaron os devanditos seis proxectos: o ingrediente emprendedor máis o ingrediente innovador. Tamén felicitou aos seus impulsores, gabando a calidade das súas propostas e definíndoas como exemplos perfectos de tecnoloxía ao servizo das persoas.
35.000 euros
Segundo se fixo saber, os dous proxectos tecnolóxicos galardoados recibirán unha contía de 35.000 euros: 25.000 euros para Robobo (a través de GAIN) e 10.000 para Insulclock. A primeira das iniciativas foi distinguida como Mellor Proxecto e a segunda co Premio Conectados pola Accesibilidade. De Robobo salientouse o “seu carácter innovador, o seu traballo en equipo, a súa aproximación ao mercado e máis o aproveitamento do programa na súa execución e posta en marcha”. De Insulclock tívose en conta a súa capacidade para incorporar os principios de accesibilidade universal.
Máis sobre Connecting for Good Galicia
Connecting for Good Galicia é un programa impulsado por Vodafone e a Xunta de Galicia, a través da Axencia para a Modernización Tecnolóxica (AMTEGA) e a Consellería de Economía, Emprego e Industria, coa colaboración da Fundación Vodafone España. O seu obxectivo é “desenvolver iniciativas emprendedoras de innovación social dixital en calquera dos ámbitos recollidos na Axenda Dixital de Galicia 2020, valorando especialmente o enfoque inclusivo cara aos colectivos de persoas con discapacidade e persoas maiores”.
Participantes da primeira entrega
Como dixemos, os seis proxectos participantes da primeira edición, foron Insulclock, Robobo, KeeperTech, Phottic, PsicoVR e Xesmar. Todos eles recibiron un diploma acreditativo e un patrocinio de 2.000 euros cada un tras completar o programa de formación e asesoramento, ao que AMTEGA contribuíu con 30.000 euros en cada convocatoria, e que se impartiu no espazo Vodafone Connecting for Good, situado no Centro de Emprendemento da Cidade da Cultura.
Segunda Convocatoria
No acto anunciouse a apertura da II Edición do Programa, ao que se poden presentar candidaturas até o 2 xullo. Os seis proxectos seleccionados poderán beneficiarse dun plan de formación de polo menos seis meses, durante os cales impartiranse sesións sobre modelo e plan de negocio e contarán con asesoría experta en temas de comunicación, vendas, negocio, e accesibilidade para o desenvolvemento dun plan personalizado para cada proxecto. Ademais, disporán dun lugar de traballo no espazo Vodafone Connecting for Good situado na Cidade da Cultura.
Cada un dos proxectos seleccionados conta cun patrocinio de 2.000 euros, outorgado por GAIN, e os seis proxectos poderán optar á concesión dunha axuda extra de 25.000 euros da dita axencia e a un préstamo en participación de até un máximo de 25.000 euros, a través de XesGalicia. Ademais, Vodafone outorgará o Premio Conectados pola Accesibilidade, cunha dotación de 10.000 euros ao proxecto que mellor incorpore os principios de accesibilidade universal.

PUBLICIDADE