Vitae móstranos todo o que precisamos saber sobre a aprendizaxe das máquinas e o seu potencial para as empresas
martes, 22 de outubro do 2019
Din
os especialistas en tecnoloxías que os sistemas intelixentes están
chamados a achegar, máis que ferramentas e recursos, vida e calidade
de vida. Este paradoxo non é tal cando pensamos en toda a gran
cantidade de esforzos dos que nos poden liberar a Intelixencia
Artificial e a Aprendizaxe-Máquina. Sen falar do peso que tiramos de
enriba cando sabemos que os nosos datos están en boas mans, que
poden ser avaliados por enteiro en cuestión de segundos e que,
detrás de todo iso, hai unhas tecnoloxías que son quen de tomar as
mellores decisións. Porén, o soño do afianzamento real da
Intelixencia Artificial pasa por capacitar máis profesionais neste
ámbito. Cara
a isto, poñendo o foco no potencial para as empresas, diríxese o
Curso de Solucións con Machine Learning, organizado por Vitae
Consultores.
O
curso, que chega á súa cuarta edición, celébrase os días 15, 16,
22 e 23 de novembro na Coruña, no Hotel Attica 21. Serán,
novamente, 20 horas de adestramento para mostrarnos as principais
aplicacións do ML e amosarnos como integralas no noso negocio.
Para
quen non o saiba a estas alturas, o Machine Learning é o
ámbito de investigación que se centra en crear programas capaces de
xeneralizar comportamentos nas computadoras, é dicir, que fai
realidade a aprendizaxe de pautas para mellorar cousas como sistemas
de busca, análise de textos, análise de redes sociais,
recoñecemento de obxectos e facianas, procesado do ADN,
recoñecemento da fala, analítica de datos médicos ou aplicacións
para a intelixencia do negocio. Ademais, alén do seu papel
científico, ten moitas potencialidades para os sectores da banca, da
medicina, do motor, das vendas ou das telecomunicacións, entre
outros moitos.
Segundo explican dende Vitae, a finalidade deste
curso é introducir ao alumnado no mundo do ML para que saiba
diferenciar que problemas de negocio son susceptibles de seren
resoltos mediante algoritmos de aprendizaxe máquina, e como asociar
cada tipo de problema co algoritmo axeitado, e, tamén, como preparar
os datos para obter os mellores resultados deses algoritmos. “Todo
isto dende un punto de vista práctico, sinxelo e botando man de
exemplos reais”.
A persoa encargada de impartir estes contidos
será Antonio Soto Rodríguez, enxeñeiro en Informática de Sistemas
pola Universidade da Coruña e profesional con máis de dúas décadas
de experiencia como consultor técnico experto e certificado,
achegando formación na Universidade Microsoft e a empresas e
organismos como a NASA, NASDAQ, PEMEX, SERGAS, Citroen, CEAGA,
Inditex, Ferroplast, Banco Popular, ABANCA, Xunta de Galicia ou
Abertis.
