Vitae ensínanos como dar forma a un bot con tecnoloxías Machine Learning
luns, 4 de setembro do 2017
As
tecnoloxías Machine Learning, os sistemas e recursos
que fan que as máquinas teñan capacidade de xestionar e tomar
decisións en base a grandes cantidades de información procesada,
están aquí para quedar. Mesmo na nosa empresa, compartindo con nós
espazo de traballo. As súas posibilidades son innumerables: son
aplicables a todo tipo de sectores e permiten cousas como a análise
de vídeos en tempo real para extraer información útil, a
identificación de obxectos en imaxes ou o procesado de series
temporais para coñecer as posibilidades de que unha máquina falle
en datas vindeiras. En base a isto e co obxectivo de acelerar a
presenza destas tecnoloxías no noso día a día, a consultora galega
Vitae está a organizar o curso Data
Science: O meu primeiro Bot con Machine Learning (formato PDF).
O obradoiro, de 20 horas,
está dirixido a desenvolvedores coa finalidade de ensinarlles a
crear aplicación intelixentes que tiren proveito do Machine
Learning para interactuar cos usuarios de “maneiras
inimaxinables ata o de agora”, sinala Vitae. Para a consultora, é
hora de extraermos partido desta nova xeración de aplicacións, que
está a levar a intelixencia ao software, “permitindo aos usuarios
interactuar no día a día a través dos novos métodos de
comunicación”.
O curso en cuestión
celébrase no Hotel Attica 21 da Coruña os días 6, 7, 13 e 14 de
outubro. O seu roteiro concreto inclúe os seguintes retos:
esquematizar un bot e definir o seu comportamento, desenvolver
aplicacións que interactúen con servizos de Machine Learning
e desenvolver aplicacións smart en tempo real para escenarios
de Internet das Cousas (IoT) ou información a gran escala (Big
Data). Aprenderánsenos cousas como as orixes dos bots e as súas
finalidades principais, as arquitecturas dunha solución integrada
ou os xeitos de crear un bot con .NET ou con Azure Bot Service.
Os requirimentos para
participarmos no curso son os seguintes: termos coñecementos no
desenvolvemento con Visual Studio e bases de datos relacionais SQL.
A persoa encargada de
impartir estes contidos será Antonio Soto Rodríguez, profesional
con máis de dúas décadas de experiencia como consultor técnico
experto e certificado, achegando formación na Universidade Microsoft
e a empresas e organismos como a NASA, NASDAQ, PEMEX, SERGAS,
Citroen, CEAGA, Inditex, Ferroplast, Banco Popular, ABANCA, Xunta de
Galicia ou Abertis.
