Vitae achega en verán a 5ª edición do seu curso sobre IA Xenerativa para a selección de perfís TI

martes, 2 de xuño do 2026 S. P.

A consultora tecnolóxica galega Vitae, referente estatal na formación avanzada para profesionais das novas ferramentas, vai celebrar este verán a nova edición (a quinta) do seu curso sobre as utilidades da IA xenerativa para os departamentos de recursos humanos das empresas dos sectores tecnolóxicos e innovadores. Trátase do curso Uso da IA Xenerativa para a Avaliación e Selección de Perfís TI, de 12 horas de duración.
Desenvolverase os días 30 de xuño e 2, 7 e 9 de xullo. Farase fincapé nas posibilidades que abre esta nova tecnoloxía (a IA Xenerativa) para “axudar a simplificar a complexidade e o traballo, tanto do deseño como da execución dos procesos de selección e avaliación do desempeño dos profesionais”.
A maiores, compartiranse coas persoas asistentes os recursos obxectivos de apoio avalados pola literatura científica, necesarios para o bo uso (consciente, racional) da IA Xenerativa. Trátase de respostas concretas e específicas que capacitarán aos asistentes sobre a maneira correcta e acertada de empregar a IA Xenerativa e “realizar as súas análises e conclusións sen alucinacións nin erros”.
Neste curso aprenderase a “adestrar” á IA Xenerativa para elaborar e deseñar perfís, dar forma ás competencias do perfil coas súas condutas clave, elaborar entrevistas ECO e ECE, crear mostras de de traballo e probas situacionais, xerar transcricións das entrevistas a texto para analizalas en profundidade coas ferramentas de IA Xenerativa e elaborar informes detallados e personalizados.
Incluiranse casos prácticos con perfís de operación como técnicos e perfís de xestión como xefes de proxectos. Empregaranse ferramentas IA gratuítas como ChatGPT, Gemini, Deepseek, NotebookLM e LM Studio para ver todas as súas posibilidades e, segundo informa Vitae, “non serán precisos servizos de pago para seguir o curso e realizar as prácticas, aínda que se recomenda contratar algunha ferramenta de pago polo menos durante o curso, como ChatGPT”.
Amais, comentaranse os aspectos legais do uso da IA Xenerativa nos recursos humanos e concretamente na avaliación e selección de profesionais.
O curso virá da man de Marcos Carbonell, profesional con máis de tres décadas de experiencia nos sectores do deporte, as novas tecnoloxías e os recursos humanos. Carbonell é diplomado en Empresariais, máster en Recursos Humanos e posgrao en Marketing e en Organización de Empresas. Dende 2006 é socio director de Vitae Consultores e tense responsabilizado, directa ou indirectamente, de máis de 1.000 procesos de selección cunha taxa de máis dun 90% de éxito.