Vigo estrea os primeiros cargadores para coches eléctricos de Galicia

martes, 13 de xullo do 2010 Raquel Noya

Un parking vigués, en concreto o de Pintor Colmeiro que xa leva máis dun ano funcionando coas máis avanzadas infraestruturas informáticas, vén de dar un paso pioneiro na historia da cidade ao apostar pola tecnoloxía limpa, grazas á instalación dos primeiros puntos de carga para este tipo de vehículos. Trátase da primeira instalación galega que ofrece este servizo, que se inaugurará mañá xoves, nun acto no que terá lugar unha demostración de suministro a un destes vehículos. O sistema foi desenvolvido por Wellgood, filial especializada da empresa concesionaria, Eloymar Tranvías, en colaboración co Centro Tecnolóxico de Galicia (CTAG). O aparcamento con servizo de “electroliñeira” arrincará con tres prazas que inclúen enchufe de suministro e que, nunha primeira fase, permitirá repostar de balde. Posteriormente, co tempo, os seus responsables informan que “se pagará segundo o tempo de estancia, para o que se poderá empregar o mesmo caixeiro”. A recarga completa deste tipo de vehículos dura entre seis e oito horas, e a empresa fomentará o seu uso pola noite “para non saturar a rede e apoiar as enerxías renovables”, explica Eloy García, o xerente da empresa. Nunha segunda fase, o sistema tamén se instalará noutros parkings da cidade, unha vez comprobado o bo funcionamento neste programa piloto. A empresa tamén está a desenvolver tecnoloxía para instalar electroliñeiras na rúa, a través de postes con puntos de recarga ou ligados a cabinas telefónicas. A Xunta, que pretende darlle pulo a este tipo de vehículos a través da instalación das primeiras electroliñeiras públicas en 2011, está a preparar un regulamento específico que será, segundo informan, “un dos primeiros en todo o Estado”.