Vicepresidencia quere loitar contra a discriminación da muller no eido tecnolóxico galego

xoves, 29 de marzo do 2007 Fernando Sarasketa

Na Sociedade da Información, na tecnoloxía, na investigación científica e en moitos outros eidos diferentes pero comunicados entre si séguense a reproducir en moitos casos as mesmas situacións de desigualdade entre sexos que se daban antes da chegada da era das redes dixitais. É dicir: a innovación e o desenvolvemento en Galiza seguen a ter unha clara sobrepresenza masculina, feito que pon de relevo a parcialidade mesma desa innovación (como ollar cara a adiante arrastrando certas eivas do pasado). Paliar esta situación na medida do posible é o obxectivo da Unidade de Muller e Ciencia, iniciativa que foi analizada polo miúdo este 29 de marzo por Carme Adán, secretaria xeral de Igualdade, perante o Parlamento.
Este órgano de recente creación, no que participan Vicepresidencia e as Consellerías de Industria e de Educación, vai encamiñado ó asesoramento co fin de incrementar a presenza da muller nos eidos científico e tecnolóxico. Máis polo míudo, a Unidade desenvolve xa o seu labor promovendo actividades encamiñadas a suprimir os devanditos desequilibrios e a situar a perspectiva de xénero nun primeiro plano nos estudos e actividades científicas.
Entre as súas funcións”, explica a Secretaría de Igualdade no devandito comunicado, “está a realización de informes que permitan establecer o estado actual da situación en Galiza e a súa evolución no tempo, sensibilizando á sociedade sobre a presenza real das mulleres nestes ámbitos, e permitindo deseñar accións que contribúan a acadar a equidade de homes e mulleres na ciencia e na tecnoloxía”. Ademais, a Unidade fomentará en todos os ámbitos e niveis educativos a orientación non sexista para promover a presenza das mulleres nos itinerarios e especialidades científicas e tecnolóxicas.