Dan a coñecer os apoios á I+D+i en Galicia neste 2025

luns, 5 de maio do 2025 Redacción

A Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP celebrou esta mañá na Axencia Galega de Innovación unha xornada anual dirixida a empresas para presentar as liñas de financiamento da I+D+i promovidas pola Xunta de Galicia e polo Centro para o Desenvolvemento Tecnolóxico e a Innovación (CDTI).
A directora da Axencia Galega de Innovación, Carmen Cotelo, salientou a excelente colaboración entre ambas entidades na promoción, difusión e impulso da I+D+i en Galicia, así como a complementariedade dos seus instrumentos de apoio, co obxectivo de mellorar a eficacia e eficiencia do financiamento público neste eido. Como exemplo destas sinerxías, mencionou o instrumento de recuperación de proxectos aprobados na convocatoria estatal Neotec que non chegaron a obter financiamento por esgotamento de crédito. Desde 2021 apoiáronse 28 proxectos a través desta liña, cunha axuda pública próxima aos sete millóns de euros. Así mesmo, no marco do novo Plan galego de investigación e innovación 2025-2027, a directora confirmou que esta liña de apoio continuará activa e que se incorporarán novas axudas aliñadas cos instrumentos do CDTI, como a convocatoria Nexos, que financiará proxectos de I+D+i en colaboración entre empresas.
Pola súa parte, Pilar González, xefa do Departamento de Promoción Institucional e Cooperación Territorial do CDTI, expuxo as principais liñas de apoio estatal á I+D+i empresarial, centrándose nas convocatorias Innterconecta Step e Neotec, xa abertas, así como na convocatoria Misiones Ciencia e Innovación, que se lanzará durante o mes de maio.

Innterconecta Step, Neotec e Nexos

A Consellería de Ciencia adiantou algunhas características da futura convocatoria Nexos, cun orzamento de 24 millóns de euros cofinanciados con fondos FEDER 2021-2027, destinada a apoiar proxectos de I+D+i en cooperación entre empresas. A súa publicación está prevista para comezos do verán. Ademais desta liña, presentáronse outras convocatorias abertas como Ignicia ou de próxima publicación como as Unidades Mixtas de Investigación ou axudas para infraestruturas de centros tecnolóxicos.
Pola súa banda, o CDTI mantén aberta ata o 19 de maio a convocatoria Innterconecta Step, dotada con 90 millóns de euros e orientada a financiar proxectos de I+D en colaboración liderados por empresas, enmarcados en ámbitos tecnolóxicos STEP: tecnoloxías dixitais, tecnoloxías limpas e eficientes no uso de recursos, ou biotecnoloxías.
Así mesmo, o vindeiro 12 de maio abrirase o prazo de solicitude das axudas Neotec do CDTI, cunha dotación de 20 millóns de euros para apoiar a creación de empresas de base tecnolóxica con potencial de crecemento, fomentar o emprendemento e acelerar a transferencia de coñecemento desde organismos públicos de investigación e universidades. Neste contexto, a Xunta convocará no mes de xuño unha nova edición da liña de axudas Neotec Excelencia, dotada con 3 millóns de euros cofinanciados con fondos FEDER 2021-2027, para recuperar proxectos presentados nas convocatorias de 2023 e 2024 que, a pesar de obter boa puntuación, non recibiron financiamento por falta de crédito.