Varios equipos integran cámaras Intel RealSense de cara ao lanzamento de Windows 10

venres, 17 de xullo do 2015 Marcus Fernández

Microsoft quere facilitar a nosa identificación dende o noso equipo informático, de aí que en Windows 10 integren Windows Hello, un novo sistema de autentificación biométrica que poderá recoñecer ao usuario mediante a súa cara, o seu iris ou a súa pegada dixital, o que suporía alternativas máis cómodas á introdución de contrasinais con frecuencia, e para introducir esta tecnoloxía propoñen inicialmente a adopción de cámaras Intel RealSense 3D, unha solución semellante a Kinect, que consegue rexistrar información de profundidade xunto á imaxe habitual da webcam do noso equipo, o que facilita o recoñecemento da nosa cara e incluso permitiría interaccións con xestos das nosas mans.
Actualmente as webcams Intel RealSense (F200) están dispoñibles de xeito independente para desenvolvedores a un prezo de 99 dólares, pero a intención de Microsoft é que ordenadores e tabletas integren esta tecnoloxía de fábrica e, de feito, xa hai varios equipos que están a introducilas no mercado, como os portátiles e todo-en-un dos que está a dar conta Intel na súa páxina web. Temos así que de cara ao lanzamento de Windows 10 podemos xa facernos como equipos como os portátiles Asus N551JQ, Asus ROG G771JM, Asus X751LD, HP Envy 15t Touch RealSense, Dell Insspiron 15 5548, Acer Aspire V 17 Nitro, Lenovo ThinkPad Yoga ou Lenovo ThinkPad E550 e os todo-en-un Lenovo B5030, Dell Inspiron 23 7000 e HP Sprout.
Aínda que Windows Hello é o grande incentivo para empregar esta tecnoloxía en Windows 10, as cámaras Intel RealSense 3D tamén poden empregarse para o recoñecemento de xestos, para personalizar o fondo das nosas videoconferencias ou incluso para dixitalizar obxectos en 3 dimensións, polo que abren unha porta á innovación que en poucos meses podería chegar a numerosos fogares e empresas.


Un dos vídeos promocional de Intel RealSense

PUBLICIDADE