Un informe reflicte a reducida presenza da lingua galega nas redes sociais

venres, 9 de marzo do 2012 Marcus Fernández

Imaxe da inauguración dos Encontros

Hoxe remataron os XIV Encontros para a Normalización Lingüística organizados polo Centro de Documentación Sociolingüística do Consello da Cultura Galega, que nesta ocasión centráronse na mocidade, o que levou que o evento centrase boa parte dos contidos no que o lecer e as TIC poden supor para dar batalla polo galego. O encontro serviu así para abordar temas como as redes sociais, os videoxogos e numerosas experiencias como as que achegan proxectos dos que temos falado en numerosas ocasións como Galegolab.
Destacou un adianto que fixo o profesor da Universidade de Vigo Fernando Ramallo, dun informe que analiza a presenza do galego nas redes sociais, e que publicarase en abril. O estudo, encargado pola Secretaría Xeral de Política Lingüística, baséase en 1.295 enquisas a estudantes de bacharelato, ciclos formativos e universidade, e quere servir como base para tomar decisións respecto á mocidade galega e as TIC.
Entre a mostra do estudo temos só un 25% de galegofalantes e un 21% de consultados que se desenvolven igualmente en español e en galego, polo que o español tería un predominio claro e, de feito, só o 54% dos galegofalantes optan por empregar só galego nunha plataforma como Tuenti, e só o 20% dos consultados declaran usar o galego en xeral.
Ao expor estes datos Ramallo destacou que “a rede e as novas tecnoloxías son tamén un medio poderosísimo para a expansión das linguas dominantes, aínda que facilitan moito a visibilidade das minoritarias. No caso das novas tecnoloxías falamos dunha cultura inherente da mocidade” , matizando que “as redes sociais poden entenderse como unha finalidade ou como un medio para mellorar a presenza do galego”.
O profesor da Universidade de Vigo conclúe que “propostas como Latri.ca ou Cabozo son moi pouco coñecidas, mesmo entre galegofalantes. Logo habería que incidir tamén nas interfaces das grandes redes sociais, pero no que é o propio estímulo da lingua, penso que cómpre un labor en termos máis xerais, fronte á acción específica nestas redes”.

PUBLICIDADE