Toshiba e Intel reforzan o proxecto Eskola 2.0 para dixitalizar as aulas de Euskadi
luns, 23 de xaneiro do 2012
Euskadi presentou os días pasados o seu equivalente ao noso Proxecto Abalar, a iniciativa Eskola 2.0, impulsada polo Goberno vasco a través do seu departamento de Educación, en colaboración Intel e Toshiba, dúas multinacionais que achegan cadanseu gran de area a nivel de equipamentos e hardware, sendo o obxectivo último do proxecto “o uso personalizado dun computador portátil por parte de cada alumno e alumna de Secundaria, amais de introducir as novas tecnoloxías nas aulas vascas do século XXI”.
O proxecto, como podemos supoñer tratándose Euskadi dunha das comunidades do Estado máis avanzadas en promoción e afianzamento das novas tecnoloxías, non é novo. De feito, trátase da nova versión dun proxecto previo, coa particularidade de que pon en xogo un chimpo cara á introdución das TIC en cursos máis avanzados, “pasando do netbook ao portátil”.
No primeiro chanzo do programa as cifras son as seguintes, segundo informa Intel: 539 centros públicos e 401 concertados xa participando, un número total de ordenadores achegados (polo de agora) de 18.159 e unha cifra total contemplada de 57.000. En termos de equipamento, o programa 2.0 supón a entrega a cada alumno de Secundaria dun ordenador portátil, conexión sen fíos a Internet e un encerado dixital para cada aula. Cada estudante poderá levarse o equipo para a súa casa despois das clases, coa idea de fomentar o traballo continuado e afondar no uso do material tecnolóxico entregado. O ordenador en cuestión é un portátil Toshiba con procesador Intel Pentium 940. A día de hoxe, preto de 60.000 alumnas e alumnos beneficiáronse xa do proxecto Eskola 2.0, estando previsto chegar a 20.000 rapaces máis no vindeiro curso.
