Televés remata 2019 co lanzamento dunha web renovada

mércores, 4 de decembro do 2019 Fernando Sarasketa

Televés Corporación, grupo referente en en equipamentos de telecomunicación, en enerxía sustentable e intelixente, en Industria 4.0 e, tamén, en ámbitos punteiros de saúde dixital e o envellecemento activo (nos que se insire por exemplo Activage), está estes días estreando un novo deseño e reestruturación da súa páxina web. Podémola ver xa, na súa porta de entrada, en global.televes.com, dende onde accederemos logo aos diferentes sitios dispoñibles segundo o país dende o que nos conectemos e a linguaxe que elixamos.
Respecto das novidades que nos imos atopar na nosa presenza web da corporación con sede principal en Santiago, a propia compañía salienta tres puntos principais: unha mellora notable no buscador (acoutando os resultados para que atopemos o produto que precisemos dunha maneira máis doada), unha nova árbore de navegación (destinada a facilitarnos o camiño ao produto que nos interese) e unha máis ampla e completa información sobre a liña Hospitality (un dos grandes ámbitos de traballo actual de Televés, onde se insire o devandito Proxecto Activage, iniciativa europea liderada por Televés e a Xunta para mellorar con tecnoloxías avanzadas a autonomía, a saúde e a calidade de vida das persoas maiores).
A nova páxina tamén pon o foco en achegarnos información completa sobre o Segundo Dividendo Dixital, sobre a liña de distribución de servizos de radiodifusión (o tradicional núcleo de negocio da corporación galega) e sobre un novo ámbito de traballo no que Televés xa é un referente: o ámbito da nova iluminación intelixente e o seu amplo catálogo de solucións LED para exteriores e interiores. A páxina tamén resulta de gran utilidade para coñecer en detalle os traballos da corporación no exterior, nunha manchea de localizacións emblemáticas de Dubai, Tailandia, Italia, Inglaterra ou os Estados Unidos.