Telegram estrea aplicación para Windows 10

martes, 4 de abril do 2017 Marcus Fernández

Dende Telegram parecen ter pisado o acelerador, e tras estrear chamadas de voz a semana pasada, sorprenden agora estreando aplicación oficial de escritorio para ordenadores persoais na propia tenda de Windows 10 baixo o nome de Telegram Desktop.
Esta nova aplicación do servizo de mensaxería que moitos consideran a principal alternativa a WhatsApp (aínda que o número de usuarios de diferenza é abismal e incluso o Messenger de Facebook tería unha presenza moi superior) quere aproveitar a posibilidade de gozar do servizo en distintos dispositivos, ou sexa, que tanto podemos empregar Telegram no ordenador, na tableta e no móbil, quedando a actividade sincronizada entre os distintos dispositivos.
Entre as vantaxes de contar con Telegram no ordenador está a posibilidade de enviar unha cantidade ilimitada de mensaxes, fotografías, vídeos e arquivos de distintos tipo, contar con grupos de até 200 membros e poder realizar difusións de até 100 contactos de cada vez.
Polo momento a aplicación de escritorio de Telegram carece da posibilidade de realizar chamadas de voz.

PUBLICIDADE