Tecnocom lanza unha ferramenta para optimizar os activos TIC dunha empresa
martes, 14 de xuño do 2011

- Sede de Tecnocom
A empresa
Tecnocom,
integrante da asociación galega Ineo e con importante presenza
profesional na nosa terra, vén de lanzar ao mercado un servizo
dirixido a optimizar e facer máis rendibles os recursos
tecnolóxico-dixitais dunha empresa, ben sexan de hardware
(equipamento) ou de software (todos os programas aos que dá acubillo
o dito equipamento). Estamos a falar da ferramenta Lox, en palabras
de Tecnocom unha solución para facilitar e simplificar a xestión do
ciclo de vida dos activos TI das compañías. En termos máis
concretos, o novo servizo permite coñecer en tempo real o emprego
que fai a organización das diferentes aplicacións que hai no seu
seo, axudando a identificar aquelas que son máis útiles e
vantaxosas.
Unhas e outras son
sometidas a procesos de control e estudo pormenorizado a través dun
sistema de supervisión que achega datos de valor “sobre
cando, como e canto se está a utilizar cada aplicación dentro da
organización”, infórmase dende
a páxina web de Ineo. A
ferramenta, que segundo informa Tecnocom presenta un cadro de mandos
moi sinxelo e intuitivo, tamén permite mellorar a cuestión das
licenzas ligadas a cada programa (identificando de que se pode
prescindir) e o control dos custos referidos á adquisición de
software e equipamento informático. Asemade, tamén subministra
continuos e exhaustivos informes e alertas sobre o estado de cousas
do ámbito TIC dunha empresa.
No que se refire
ás súas características técnicas, dicir que a nova solución está
baseada en requirimentos ITIL e que é compatible coa norma ISO
19770. Estes e outros elementos postos en xogo subministran “diversas
vantaxes competitivas” e de
maniobrabilidade.
