Startup.gal presenta o primeiro mapa de novas empresas innovadoras da nosa terra
luns, 23 de decembro do 2019
A
asociación Startup.gal, comunidade aberta de emprendedoras e
emprendedores galegas/os da innovación, presentou esta fin de semana
un moi interesante recurso para coñecermos de primeira man os principais focos de emprendemento da nosa terra. Estamos a
falar do que sería, nas súas palabras, o
primeiro mapa de startups (novas firmas innovadoras) da nosa
terra, cuxo obxectivo é mostrar en detalle a longa e dinámica
listaxe galega de proxectos de mercado baseados no máis avanzado
coñecemento e nas novas maneiras de traballar.
Startup.gal
xorde ademais con varios extras que non se poden pasar por alto: a
súa utilidade para comunicar a todos os axentes implicados e o seu
obxectivo de converter Galicia “no mellor ecosistema posible para
a creación de startups”.
Os
criterios para escoller as empresas mostradas no mapa foron
principalmente dous: que sexan empresas coa sede principal en Galicia
e que sexan startups, é dicir que teñan un modelo de negocio
“novidoso”, ou que “sexan firmas que usen tecnoloxías
innovadoras para dar un servizo diferencial”.
Esta
presentación só é un primeiro paso dunha iniciativa que se prevé
longa no tempo, xa que a asociación anunciou a súa intención de
“facer unha ferramenta viva, onde se vaian engadindo máis
iniciativas e empresas segundo vaian aparecendo, e que tamén
evolucione a propia presentación do mapa para mostrar máis
información útil a potenciais clientes e investidores”. Amais, se
ben os impulsores do mapa recoñecen que “nel non están todas as
empresas que poden estar”, está previsto afondar ao máximo na
fórmula da participación para, acadar, coa axuda de toda a
comunidade de emprendedoras e emprendedores da nosa terra, achegar un
recurso o máis completo posible (algo
que se pode comezar a facer a través dun formulario específico
habilitado).
